Sabela Bará e Zeltia Pino, novas responsábeis de Galiza Nova na comarca

GN-1
Sabela Bará e Zeltia Pino encabezan GN na comarca
Sabela Bará e Zeltia Pino, novas responsábeis de Galiza Nova na comarca

A asemblea comarcal celebrada o xoves 8 de decembro en Pontevedra elixiu ás persoas que estarán á fronte da organización xuvenil do BNG nos vindeiros dous anos. A renovación de responsabilidades prodúcese no marco do proceso posterior á XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que tivo lugar o pasado 26 de novembro en Compostela. Seguindo os Estatutos de Galiza Nova, despois de cada Asemblea Nacional, as comarcas deben renovar as responsabilidades.

Sabela Bará, até o de agora Responsábel de Organización na comarca, asume a responsabilidade comarcal da man de Zeltia Pino na responsabilidade de organización. Alberto Oubiña, actualmente concelleiro en Pontevedra, terá a responsabilidade de Finanzas.

Sabela Bará: Imos traballar man a man co BNG para fortalecer o proxecto nacionalista e abrirmos un tempo novo para Galiza

 “Agradezo a confianza depositada en min polas miñas compañeiras e compañeiros e asumo con ilusión esta nova etapa”, declarou Sabela Bará. “Imos traballar man a man co BNG para fortalecer o proxecto nacionalista e abrirmos un tempo novo para Galiza”. 

Dende Galiza Nova explican que as novas responsabilidades conxugan experiencia e renovación e que “unha das prioridades será traballar de xeito colaborativo en toda a comarca, poñendo especial atención nas localidades máis pequenas”, nas que “hai unha grande potencialidade a nivel xuvenil”. Zeltia Pino explicou que “unhas das primeiras accións  que levaremos a cabo será a creación dun plan de traballo para os vindeiros meses, que atenda ás problemáticas que ten a mocidade da comarca nas diferentes localidades”.

A asemblea contou cunha representación da nova Comisión Permanente de Galiza Nova formada por Alberte Fernández, anterior Responsábel Comarcal, que vén de ser escollido Secretario Xeral da organización xuvenil; e Alberte Paz Calo.

Sabela Bará e Zeltia Pino, novas responsábeis de Galiza Nova na comarca