Sabela Bará: “Para garantir a defensa do noso idioma e un ensino público e de calidade precisamos unha representación de Galiza forte no Congreso”
Pontevedra, 13 de xullo de 2023. “Dende o BNG entendemos que a normalización lingüística debe ser un obxectivo prioritario de todas as administracións públicas, incluída a do Estado. Non obstante, esta administración segue a poñer obstáculos ao uso con normalidade do noso idioma”, afirmou a candidata do BNG ao Congreso, Sabela Bará..
Un grupo forte do BNG traballará por asegurar a plena normalización da lingua galega e garantir os plenos dereitos lingüísticos de toda a cidadanía. Impulsaremos a difusión das producións culturais e audiovisuais en galego na televisión pública estatal e o incremento da liña específica de axudas do Ministerio de Cultura. Ademais, promoveremos o estudo do noso idioma noutros territorios do Estado.
Sabela Bará: “A administración do Estado segue a poñer obstáculos ao uso con normalidade do noso idioma”
No que ten que ver co ensino, “o BNG ten no centro das súas políticas a educación, ao ser un piar básico para construír unha sociedade xusta e igualitaria”, afirmou a candidata nacionalista. Atendendo á nosa realidade económica, social, cultural e lingüística precisamos un marco político propio, tamén no ensino, no que poidamos decidir sobre a planificación do noso sistema educativo. “O BNG promoverá un modelo educativo que se fundamente no dereito universal á educación de todas as persoas de 0 a 18 anos. Un ensino que sexa público, galego e gratuíto”, afirmou Sabela Bará.
Neste sentido, para garantir a defensa do noso idioma e un ensino público e de calidade precisamos unha representación de Galiza forte no Congreso, da man do BNG.