Votar BNG para frear a Feijóo e aos seus amigos da extrema dereita antigalega e negacionista do cambio climático

Votar BNG para frear a Feijóo e aos seus amigos da extrema dereita antigalega e negacionista do cambio climático

Pontevedra, 10 de xullo de 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, convidou aos galegos e as galegas a usar a forza do seu voto para defender o medio ambiente e loitar contra emerxencia climática, e advertiu de que “é máis importante que nunca plantarlle cara a un PP que branquea o discurso negacionista da extrema dereita antigalega” nun momento no que, ademais, “estamos ante un espolio eólico auspiciado por esa dereita ultra de Feijóo que goberna para as eléctricas” ou “cando Galiza leva décadas esperando pola rexeneración integral das súas rías”.

Nun acto en Pontevedra, exemplo das políticas de medio ambiente do BNG, coa cabeza de lista Carme da Silva, Pontón subliñou que só un grupo forte e orgullosamente galego, con deputados e deputadas das catro provincias, será quen de “poñer freo aos amigos de Feijóo e ás políticas negacionistas que discriminan Galiza” .

Un grupo galego forte para “facerse valer” en Madrid e acabar co ninguneo das forzas estatais, unha representación potente no Congreso para “defender a rexeneración integral das  rías, un modelo enerxético sustentable a favor do País e non das eléctricas e reverter o abandono dun rural convertido nun polvorín pola desfeita que deixa o PP”. 

“Este 23X temos o reto de poñer a Galiza no centro”, afondou, para situala “á vangarda" na defensa do medio ambiente, para facerse valer en Madrid e superar a discriminación das forzas estatais “para as que os nosos problemas sempre son os últimos da lista ou simplemente ignorados”, as forzas do bipartidismo “que só ven Galiza como un caladoiro de votos o que vir pescar cada catro anos”.   

A líder do BNG insistiu no risco de involución tamén nas políticas defensa do medio ambiente e na loita contra a emerxencia climática, dúas cuestións claves, sostivo, “porque estamos falando do planeta que lles imos deixar ás novas xeracións, á xente moza que nos está reclamando, e con razón, que lles deixemos un futuro libre de contaminación”

A portavoz nacional amosouse convencida de que no cara a cara entre os candidatos do “bipartidismo de sempre” volverá quedar en evidencia que “Galiza non está na súa axenda”, e aproveitou para denunciar de novo que nin PP nin PSOE queren un debate en clave de País na TVG,  en horario de máxima audiencia,  como propuxo o BNG porque a súa folla de servizos ao País é a “discriminación”. 

Escapan nun debate en clave de País

“Que lle van a contar á audiencia, que estiveron discriminando a Galiza nos últimos anos, ou que para eles sempre somos a última carta da baralla?”, preguntouse. “Escapan do debate porque non teñen nada que dicirlle aos galegos e galegas, nada que ofrecerlles salvo unha folla en branco e o relato da discriminación dunha forzas estatais que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid”, agregou.

Recalcou, neste sentido, que o BNG á a única forza que se presenta ao 23X “coas mans libres” para facer respectar Galiza en Madrid e fixo un chamamento a encher as urnas coa papeleta do Bloque, un voto que “vale o dobre”: para defender este País e como “muro de contención” contra a involución nos dereitos sociais e nas liberdades que supón o tándem de Feijóo e a extrema dereita “racista, machista e profundamente antigalega”, recalcou.

Pontevedra, na vangarda ambiental

O Bloque elixiu Pontevedra para falar de medio ambiente por ser un exemplo  de políticas contra o cambio climático desde o ámbito local, de como construír cidades sostibles e saúdables que coidan o territorio e aportan benestar á cidadanía.   

A cabeza de lista, Carme da Silva, destacou as políticas transformadoras do BNG respecto ao medio natural e ao medio urbano, afirmando que en Pontevedra se aplicou un modelo propio adaptado á realidade “con decisión e vontade” e salientando que na vila do Lérez esas políticas conseguiron reducir o 67% das emisións de CO2.

Carme da Silva coloca Pontevedra como proba de que é posible unha política ambiental que combata o cambio climático e aporte benestar á cidadanía

“Demostramos que tamén puidemos facer unha política forestal eficaz contra o lume, en lugar de negar a emerxencia climática, un reto que temos enriba da mesa”, indicou, facendo fincapé no dereito da cidadanía a recuperar unha ría libre de ENCE, como fixeron outras cidades do Estado español e de Europa trasladando as industrias contaminantes fora dos centros urbanos dando paso a recuperación ambiental.

Para iso, manifestou Da Silva, “é preciso ter capacidade de decisión política”, para darlle a Galiza un futuro mellor.

Votar BNG para frear a Feijóo e aos seus amigos da extrema dereita antigalega e negacionista do cambio climático