Rotundo éxito de participación na Xuntanza de Vehículos Antigos de Caldas, que converteu A Tafona nun museo ao aire libre cun cento de coches anteriores a 1995

Rotundo éxito de participación na Xuntanza de Vehículos Antigos de Caldas, que converteu A Tafona nun museo ao aire libre cun cento de coches anteriores a 1995

Caldas, 24 de marzo de 2026. Caldas de Reis encheuse de coches clásicos este domingo na primeira edición da Xuntanza de Vehículos Antigos organizada da man da Asociación Clásicos do Carneiro, convertendo a rúa García Baión nun museo ao aire libre cun cento de coches anteriores a 1995. Alí había pezas como Citroën B11, Tiburón,  Renault 4L, Seat 600, BMW, Simca 1000 e outros moitos que chamaron a atención da veciñanza, sobre todo da máis nova, que se achegou a botar unha ollada e ver como eran os utilitarios que enchían as estradas hai máis de tres décadas. 

O grande éxito de participación (con preto de cen vehículos inscritos e máis de 160 persoas na comida de convivio) ademais da grande cantidade de público na Tafona e o grande ambiente en xeral fixo que o tenente de alcalde Manuel Fariña veña de confirmar que o Concello está a traballar xa non só na seguinte edición da xuntanza e do percorrido da Cabalgata de Reis polas parroquias -que se fai en coches antigos-, senón tamén noutras iniciativas a organizar da man da asociación. 

Fariña salienta que a concentración de vehículos clásicos atraeu persoas afeccionadas doutras localidades, xerando un impacto positivo na vila termal, ademais de contribuír a dinamizar e poñer en valor o patrimonio automobilístico da zona. O nacionalista lembrou que neste mandato dende a Concellería de Turismo e Deportes estase a traballar no fomento de eventos de motor, do que esta xuntanza “vai ser xa un fixo no calendario”. 

A xornada discorreu sen ningún tipo de incidencia, perfectamente organizada. Os vehículos foron chegando aos poucos dende as nove da mañá á Rúa Carlos García Baión e dúas horas despois -co tenente de alcalde á fronte- comezaron  a ruta por varias rúas de Caldas para dirixirse aos municipios de Cuntis, Moraña e Barro, onde se fixo unha pequena parada na Barosa para gozar dun petisco. Despois, a comitiva seguiu cara a Portas e regresou a Caldas pola Avenida Dona Urraca, Ferrería, Laureano Salgado, rematando novamente na Tafona. 

Alí celebrouse unha comida de convivio na que se entregaron premios ao condutor máis novo (que resultou ser do 2005), ao coche mellor conservado (para un Citroën Tiburón), ao club con máis participantes (Amigos dos Vehículos Antigos, de Pontevedra), e ao condutor máis veterano, que resultou ser Antonio Vidal ‘Cosme’, de 90 anos, tamén coñecido por ser unha vella gloria do ciclismo galego, homenaxeado en Caldas na carreira urbana celebrada o pasado mes de outubro.

Rotundo éxito de participación na Xuntanza de Vehículos Antigos de Caldas, que converteu A Tafona nun museo ao aire libre cun cento de coches anteriores a 1995