Recta final das obras de canalización e pavimentación no Outeiro, en Lérez, para poñer fin aos asolagamentos

Camiño do Outeiro-Lérez
Camiño do Outeiro-Lérez
Recta final das obras de canalización e pavimentación no Outeiro, en Lérez, para poñer fin aos asolagamentos

Pontevedra, 21 de xullo de 2026. O Concello de Pontevedra afronta a recta final da obra de canalización de augas pluviais e pavimentación da pista que dá acceso ao lugar do Outeiro dende a estrada PO-223. Esta intervención supón a solución definitiva aos problemas de asolagamentos que viña sufrindo a zona durante o inverno, dando así resposta a unha importante demanda tanto da propia veciñanza como da Asociación de Veciños e Veciñas de San Bieito de Lérez.

A concelleira responsábel do Rural, María Xosé Abilleira, visitou hoxe as obras acompañada polos técnicos municipais, o persoal técnico da empresa adxudicataria e as propias veciñas e veciños do lugar. Durante a visita, supervisouse a execución da parte final do proxecto, centrada no retranqueo do muro de sostemento da estrada, o que permitirá ampliar o ancho existente nesta zona. Ao mesmo tempo, estase a pavimentar a entrada pola que se logrou desviar as augas cara ao regato situado máis abaixo.

Camiño do Outeiro-Lérez
Camiño do Outeiro-Lérez

María Xosé Abilleira destacou a complexidade técnica desta actuación, xa que "a zona onde se producían as inundacións estaba totalmente pechada por muros de particulares, o que impedía a saída das augas acumuladas". Neste sentido, a concelleira quixo facer un agradecemento público e recalcar a "enorme xenerosidade" dos propietarios afectados. Segundo explicou a edil, a colaboración da veciñanza, que permitiu levantar o terreo no interior da súa parcela, sumada ás cesións realizadas por dúas propietarias, foi a peza clave que fixo posible resolver este problema de pluviais despois de tanto tempo.

Aproveitando o desenvolvemento desta infraestrutura, o Concello facilitou tamén que aquelas vivendas da contorna que aínda non estaban conectadas á rede de abastecemento de auga puidesen levar a cabo os traballos necesarios para realizar as súas conexións individuais.

Respecto aos prazos para a finalización total da intervención, está previsto que nas vindeiras semanas, unha vez estea completamente rematado o muro de contención, se proceda ao asfaltado do vial, incluíndo os novos sobreanchos gañados na zona.

Recta final das obras de canalización e pavimentación no Outeiro, en Lérez, para poñer fin aos asolagamentos