O BNG chama desde Poio a fortalecer o proxecto nacionalista para que Galiza teña “unha voz cada vez máis forte”

Acto previo ao Día da Patria en Poio
Acto previo ao Día da Patria en Poio
O BNG chama desde Poio a fortalecer o proxecto nacionalista para que Galiza teña “unha voz cada vez máis forte”

Poio, 21 de xullo de 2026. O BNG vén de facer en Poio un chamamento a fortalecer o proxecto nacionalista para que Galiza conte cunha voz cada vez máis forte e con maior capacidade para decidir sobre o seu futuro. O Parque Rosalía de Castro acolleu na tarde de onte o acto previo ao Día da Patria Galega, no que participaron o deputado no Congreso Néstor Rego, a representante de Galiza Nova Marina Coego e a portavoz municipal Marga Caldas, como antesala da gran manifestación nacional do vindeiro 25 de xullo en Compostela.

Na súa intervención, Néstor Rego asegurou que “o futuro do noso país non pode ficar nas mans de quen o utiliza como moeda de cambio nin de quen acepta resignadamente decisións tomadas desde Madrid” , facendo alusión á tramitación da lei para a transferencia da AP-9 nas Cortes do Estado. “Fronte a quen antepón os intereses dos seus partidos en Madrid, o BNG demostrou que só responde aos intereses das galegas e dos galegos” evidenciou Rego, pondo en valor o traballo desenvolto pola organización nacionalista tanto nas institucións como na rúa, “defendendo o noso tecido produtivo, os servizos públicos, a lingua, o medio ambiente e reclamando investimentos e competencias para mellorar a vida da maioría social”.

O deputado do BNG fixo un chamamento a converter o 25 de xullo nunha gran demostración de orgullo nacional e de compromiso co futuro da Galiza. “O Día da Patria Galega é unha data para celebrar o que somos como pobo, pero tamén para reivindicar o dereito a decidir sobre o noso futuro. Precisamos unha Galiza con máis capacidade política para defender os seus intereses e construír un modelo económico e social pensado desde aquí e para a nosa xente con contundencia”, dixo. Por este motivo, Rego salientou que o 25X “temos unha nova oportunidade para encher Santiago e demostrar que hai un pobo disposto a defender a súa nación, os seus recursos e o seu dereito a construírmos un futuro mellor. Canto máis forte sexa o BNG, máis forte será tamén a Galiza”, sentenzou.

Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG en Poio Marga Caldas centrou boa parte do seu discurso en denunciar o que definiu como o “galeguismo de fachada” do Partido Popular. Destacou que hoxe “estamos gobernadas por unha dereita que pretende deturpar a expresión do que defendemos. Fano usando as nosas sinais de identidade a través dunha escenificación absolutamente hipócrita e oportunista. Pretenden desvirtuar o significado do Día da Patria e do Día da Galiza Mártir con discursos contraditorios que negan a súa verdadeira esencia”, afirmou.

GALERÍA DE FOTOS

O BNG chama desde Poio a fortalecer o proxecto nacionalista para que Galiza teña “unha voz cada vez máis forte”