O BNG acusa ao PSOE de condear ao fracaso a ampliación do IES Aquis Celenis de Caldas
Caldas de Reis, 11 de febreiro de 2021. O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, rompe o seu compromiso con Caldas e coa educación pública ao desistir da compra dos terreos necesarios para a ampliación do IES Aquis Celenis, frustrando deste xeito non só a necesaria mellora dunhas instalacións que hai anos que quedan pequenas, senón tamén a posibilidade de establecer novas opcións de futuro para as xeracións máis mozas coa oferta de ciclos de Formación Profesional na educación pública do noso concello.
“O alcalde e o seu equipo de goberno terán que explicarlle aos veciños e veciñas por que lle negan a Caldas a ampliación do IES, por que frustran as opcións de futuro da xente moza” afirmou Manuel Fariña.
Gañar espazo para albergar novos módulos de FP e aumentar a oferta formativa na educación pública non só é unha vella demanda da comunidade educativa do IES Aquis Celenis, senón que é unha prioridade para Caldas e para o BNG, polo que a compra destes terreos constituía un dos principais puntos do acordo para a aprobación do Orzamento Municipal do ano 2020. Sen embargo, o PSOE local parece que escolleu a inacción, aínda que iso supoña rachar os seus compromisos e acordos coa veciñanza caldense.
“Caldas non merece que un goberno municipal que abandona á súa sorte un proxecto tan necesario como a ampliación do IES e a ampliación da oferta educativa no noso concello” afirmou Fariña.
Para o BNG a ampliación do IES Aquis Celenis constitúe un proxecto estratéxico e de futuro, pois o aumento da oferta educativa vinculada a esta ampliación dará unha alternativa e unha opción de futuro a moitos mozos e mozas que demandan unha alternativa na educación pública máis aló do Bacharelato e que neste momento non atopan na nosa educación pública.