O Principal reconstruirá os seus teitos en madeira para garantir a seguridade e mellorar a acústica en todo o espazo

O Principal reconstruirá os seus teitos en madeira para garantir a seguridade e mellorar a acústica en todo o espazo

Pontevedra, 15 de maio de 2026. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, informou das últimas novidades relativas ás obras de emerxencia no Teatro Principal, podendo confirmar que o Concello vai reconstruír por completo todo o teito do patio de butacas, o que inclúe as estruturas ocultas, os reflectores de son e a iluminación. 

Os traballos de desmontaxe do antigo teito, que finalizarán entre o día de hoxe e principios da vindeira semana, permitiron avaliar en profundidade o estado da instalación. Segundo detallou o edil, comprobouse que despois de 40 anos o teito xa non cumpría coas condicións de seguridade necesarias, dado que a escaiola é un material ríxido que cede sen avisar e constatouse que algúns dos ancoraxes estaban soltos ou carecían da suxeición axeitada. 

Doutra banda, ao realizar probas de carga detectouse que os longueiros brancos de madeira que cumprían unha función acústica presentaban problemas semellantes, xa que estaban unicamente cravados contra o teito sen material de apoio. O equipo técnico tamén verificou que a estrutura de madeira que soportaba estes elementos, anterior ao ano 2006, non cumpre co actual Código Técnico da Edificación (CTE). Polo tanto, para garantir que o teatro cumpra "con absolutamente todas as normativas de seguridade", decidiuse substituír a estrutura íntegra, xunto con todo o cableado, que será renovado e actualizado con tecnoloxía LED para mellorar a eficiencia enerxética. 

A grande novidade na reconstrución é o cambio de material: o novo teito xa non será de escaiola, senón que se construirá en madeira. Gómez explicou que esta decisión foi tomada por dous motivos fundamentais: a falta actual de artesáns capaces de moldear grandes volumes de escaiola de xeito manual na propia obra, e a maior precisión da madeira para reproducir o recente mapeado 3D de puntos do teatro. 

Esta nova tecnoloxía e o uso da madeira fabricada previamente permitirán mellorar significativamente a acústica do recinto. A modo de anécdota, o concelleiro revelou que o novo mapeado 3D confirmou unha vella queixa dos traballadores sobre un problema de son entre a terceira e a cuarta fila esquerda, onde se producía un "rebote estraño". O novo deseño corrixirá este defecto técnico para que o son sexa óptimo en cada butaca. 

Respecto ás consecuencias destas actuacións, Gómez recoñeceu que os traballos engadidos suporán unha modificación e un posible incremento do orzamento inicial da obra de emerxencia, cuxa contía aínda non se pode determinar. Tamén sinalou que os prazos de execución dependerán da dispoñibilidade da empresa provedora da madeira, aínda que agardan que non se vexan excesivamente afectados. 

O Principal reconstruirá os seus teitos en madeira para garantir a seguridade e mellorar a acústica en todo o espazo