23 DE MAIO

O barrio da Parda celebrará a primavera cunha gran xornada festiva para impulsar o comercio local

2026-05-15 11.32.50-P1035381
2026-05-15 11.32.50-P1035381
O barrio da Parda celebrará a primavera cunha gran xornada festiva para impulsar o comercio local

Pontevedra, 15 de maio de 2026. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou a campaña "A primavera no barrio da Parda", unha iniciativa organizada xunto á Asociación de Profesionais e Pequenas Empresas da Parda que se celebrará o vindeiro 23 de maio. O obxectivo desta xornada é dinamizar o espazo público e visibilizar o comercio de proximidade a través dunha programación gratuíta dirixida especialmente ás familias. 

Durante a comparecencia, Gulías destacou que a mellor estratexia para apoiar o comercio local é achegar actividades á rúa. "Cando mercas no comercio local da Parda, ademais de levar produtos de grande calidade, estás apoiando que entidades como elas programen no teu barrio", sinalou a edil, quen fixo un chamamento a concienciar á cidadanía do "valor engadido" que ten para a cidade o consumo de proximidade. 

Tanto a concelleira como os representantes da asociación coincidiron en enfocar o evento nos máis pequenos e nas familias, dado o marcado carácter familiar do barrio da Parda. A programación do 23 de maio incluirá as seguintes actividades: 

  • Inchables: Estarán dispoñibles en horario de mañá e de tarde na praza da Cita.
  • Obradoiros florais: Celebraranse mañá e tarde no Centro Leste, en colaboración cun negocio de recente creación no barrio, a Floristería Nina. As prazas, que son limitadas, están practicamente esgotadas debido ao grande interese que espertou a actividade.
  • Festa Holi: Como gran novidade deste ano, a praza do Pintor Laxeiro acollerá ás 19:00 horas a primeira festa Holi do barrio. Dende a asociación animan á veciñanza a achegarse ata as 19:30 horas "preparados para mancharse un pouco e pasalo ben”.

A organización destas propostas conta ademais coa implicación e colaboración de diversos axentes sociais e veciñais, como a Asociación Pedra do Lagarto e o propio Centro Leste.
Finalmente, Anabel Gulías enmarcou esta celebración dentro dunha fin de semana de intensa actividade para Pontevedra. O mesmo 23 de maio, a festa na Parda coincidirá con outros importantes eventos na cidade, como o Plant Fest na Alameda, as actividades de “Conversas do primeiro andar” do Mercado e a Carreira da Muller, demostrando o forte dinamismo lúdico e económico da cidade do Lérez. 

O barrio da Parda celebrará a primavera cunha gran xornada festiva para impulsar o comercio local