Os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok
Aberto o prazo de inscrición para os premios Youtubeiras+ que este ano se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado, e que estará aberto até vindeiro 15 de novembro e no que poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
Youtubeiras, que é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre os que está desde os seus inicios Pontevedra, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
Esta nova edición os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.
Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+.
Fiadeiras dixitais
Ademais dos premios, foron presentadas as actividades formativas de Youtubeiras+, xa que este proxecto un ano máis transcende os lindes da convocatoria dos premios. Baixo o título Fiadeiros dixitais, impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.