A parroquia de Soutomaior, con máis actividade ca nunca na súa historia coa axenda e obras do Goberno local
Soutomaior, 25 de setembro de 2024. O Goberno de Soutomaior está a desenvolver a maior axenda de actividades que nunca tivo a parroquia de Soutomaior, na zona rural do concello. Ao comezo do mandato o equipo de Goberno xa iniciou coa dinamización da parroquia de Soutomaior, instalando á responsable da OMIX na Casa do Concello, en pleno centro da parroquia, co que presta un servizo máis directo aos veciños e veciñas dos barrios rurais.
A partir dese momento, o Goberno de Soutomaior impulsou unha axenda de actividades moi completa e ambiciosa, que fai que, por exemplo, a parroquia de Soutomaior celebrase o pasado mes de agosto a súa primeira Semana Grande. Un auténtico éxito de participación entre a veciñanza de Soutomaior e persoas que se achegaron dos demais concellos da comarca. Así foi como o concerto da orquestra La Misión converteuse no acto máis multitudinario da historia da parroquia, con máis de 4.000 persoas.
Ademais, o Goberno de Soutomaior encheu a Casa da Cultura Rexina Míguez de actividades municipais, como son as clases de teatro e pintura, obradoiros de pesca, charlas e coloquios sobre temas de interese para a veciñanza, como a dixitalización ou a avespa velutina... Así como unha chea de actividades relacionadas co cine e o teatro, con varias proxeccións e obras teatrais ao longo de todo o ano.
Por outra parte, o Goberno de Soutomaior tamén está a levar a cabo a recuperación do patrimonio histórico, cultural e social da parroquia. É o caso do proxecto para a recuperación do Entruido de Soutomaior, impulsado polo alcalde Manu Lourenzo e que, grazas ao traballo do antropólogo Rafa Quintía, conseguiu que en Soutomaior se vaian recuperando pouco a pouco ritos e tradicións como a Procesión e a Comida do Galo.
Importantes obras na parroquia
O Goberno de Soutomaior tamén está a desenvolver importantes obras e proxectos na parroquia. Actualmente, estase a arranxar o acceso ao campo de fútbol Graciano Padín e a arranxar a estrada de acceso a Cortellas. Ademais, nas vindeiras semanas está previsto que comece a obra de humanización da praza da Pedreira, e o Goberno de Soutomaior tamén levará a cabo asfaltados nos barrios de Lourido e Moreira.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “un dos obxectivos do Goberno local desde o comezo do mandato é dinamizar a parroquia de Soutomaior, a través dunha axenda de actividades que atraia xente doutras partes do concello e doutros concellos da contorna; e de importantes actuacións que beneficien aos nosos veciños no seu día a día”.