Pontevedra reitera a súa disposición para chegar a acordo coa Xunta nas axudas á hostelaría
Pontevedra, 1 de febrero de 2021. A portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías mostrou a disposición do Concello de Pontevedra a chegar a un acordo coa Xunta de Galiza, como administración competente, para poñer enriba da mesa recursos inmediatos para a creación deste fondo estrutural que afecta a centos de persoas na nosa cidade”. A portavoz do Goberno referíase así ao fracaso das reunións entre Xunta de Galiza, Deputacións e Fegamp para a creación dun fondo estrutural destinado aos sectores da hostalería e turismo.
"Nós vimos insistindo na necesidade dun acordo urxente, que é vital para subsanar a situación económica na que se atopa a hostalería e moitos outros sectores, derivada deste peche e desta situación de pandemia" asegurou Anabel Gulías, ao tempo que volvía reiterar a disposición do Concello "máis unha vez a tender a man á Xunta de Galiza para chegar a acordos" por entender que "non é o momento para darse por vencidos, non é o momento de perder o tempo en pequenos detalles senón de construír entre todas e entre todos, e cremos que debemos seguir negociando porque o sector merece que fagamos todos os esforzos que sexan posibles". Esta sería a vía máis positiva e máis rápida para acadar resultados inmediatos.
Plan Supera21
Ademais, tamén informou de que, desde o Concello de Pontevedra se sigue avanzando no traballo relativo ás axudas do Plan Supera 21 reuníndose con asociacións profesionais (a semana pasada reuníuse coa Asociación de Hoteleiros da cidade) co obxecto de incorporar posibles achegas para a redacción das bases.
"Seguiremos escoitando, traballando e tomando todas as anotacións para neses próximos fondos Supera 21 poidamos prestar a axuda necesaria".