Pontevedra, referente en Rouen (Franza)
"Hai que tomar decisións políticas valentes se se quere avanzar na recuperación do espazo público”, dixo Miguel Fernández Lores en Rouen (Franza) ante un auditorio de funcionarios, especialistas e membros de entidades que promoven a humanización das cidades e que aplaudiu a decisión de retirar os coches
A área metropolitana de Rouen está estudando a súa transformación para converter a cidade central (algo mais de 100.000 habitantes) nun espazo máis atractivo. Nese proceso de estudo convocou o foro “Metrópoles en transición" onde se repasan diversas experiencias europeas e van dando pasos cara a unha peonalización máis efectiva que a actual, que é dos anos 70 e abrangue unhas cantas rúas arredor da catedral.
"Hai que tomar decisións políticas valentes se se quere avanzar na recuperación do espazo público”, dixo Miguel Fernández Lores ante un auditorio de funcionarios, especialistas e membros de entidades que promoven a humanización das cidades e que aplaudiu a decisión de retirar os coches “porque cando mercas un coche non mercas o dereito a ocupar permamentemente un espazo público, que é de todos e de todas, non só dos propietarios dos coches”, subliñou.
Pontevedra foi convidada a este foro para expoñer a súa experiencia en materia de peonalización, como referente europeo de cidade co tráfico a motor controlado, o que decote denominan “Cidade sen coches”.
O xornalista que moderaba a sesión preguntou a Lores se a súa profesión de médico lle axudou a tomar o tipo de decisións tan sans para a xente e para a cidade, que definen o modelo Pontevedra ao que el respondeu que efectivamente, o que antes prescribía desde a consulta, prescríbeo agora desde a alcaldía, co que se consigue un efecto multiplicador en canto á saúde pública.
Tamén lle lembrou a Lores as manifestacións de comerciantes que tiveran lugar ao principio do proceso, e dixo que era normal que houbese reticencias, porque o medo é lóxico cando non se coñece o resultado dun cambio: “plantexámonos rescatar a cidade que caera en mans dos coches, e moitos comerciantes non estaban de acordo, pero despois viron que a cidade funciona mellor sen coches que con eles”.
Pontevedra compartíu palestra coa cidade belga de Hassetl, que tamén está a retirar os coches do centro após percibir en 1995 a decadencia dos seus comercios.