Pontevedra recibirá en Lisboa a "Chave do valor público", e en Madrid a medalla do COE
Pontevedra, 23 de maio de 2025. Pontevedra será galardoada durante a celebración do Festival do Valor Público que está a piques de comezar en Lisboa, Portugal. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, achegarase até a capital lusa para participar nesta cerimonia, e que lle outorgará a Pontevedra a Chave do valor público, recoñecemento que se entrega por primeira vez na historia deste congreso.
O acto oficial de entrega realizarase o martes, 27 de maio, ás 10.15 horas; para logo dar inicio unha sesión de debate baixo o título Imaxinando cidades para o ben común, que contará co rexedor pontevedrés como un dos poñentes á hora de falar do significado de iniciar e prolongar proxectos orientados ao ben común. Fernández Lores compartirá esta charla con representantes das cidades de Amberes (Bélxica) e Leipzig (Alemaña).
Ademais desta sesión, o alcalde ten previsto coincidir con Carlos Moreno o luns 26 de maio, o famoso urbanista franco-colombiano que xa ten compartido co alcalde diversos relatorios e entrevistas en distintos lugares do mundo.
Entrega da Medalla Olímpica do COE
Coincidindo inmediatamente despois desta cita, o mércores, 28 de maio, o alcalde viaxará a Madrid desde Lisboa para participar na cerimonia de entrega da Medalla Olímpica do Comité Olímpico Español polo contribución da cidade ao mundo do deporte, especialmente polo apoio ás federacións de Natación e Triatlón.
O acto celebrase ás 13.00h na sede do COE e tamén contará coa participación do xefe do servizo de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló. O rexedor destacou no seu día que o equipo existente nesta área municipal era unha peza fundamental á hora de situar a Pontevedra como un referente no ámbito deportivo e na celebración de grandes eventos deste tipo.