Pontevedra pon en marcha unha nova campaña de control de VMP e bicicletas entre o 27 e o 31 de xaneiro
Pontevedra, 21 de xaneiro de 2025. A edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, informou dunha nova campaña de control de bicicletas e VMP (Vehículos de Mobilidade Persoal) que realizará a Policía local entre o 27 e o 31 de xaneiro.
“Sabemos, porque así o fixemos constar máis veces, que a circulación de certos vehículos, coma poden ser os VMP, se estaba a converter nun problema de mobilidade dentro do modelo de cidade”, indicou a concelleira. “Queremos poñer en marcha esta campaña porque se ben non consideramos que sexa un problema grave, debemos traballar para que isto non acade máis gravidade da que ten. Así o percibe a cidadanía e así nolo fai chegar a través de queixas”.
Vilaverde sinalou que no 2024 houbo un total de 75 denuncias a este tipo de vehículos (VMP), a gran maioría por circular pola beirarrúa —acción prohibida segundo a normativa pertinente—. “Queremos que a xente entenda que é algo sancionábel, ao igual que utilizar unha bicicleta ou un VMP baixo os efectos do alcol ou outras drogas”.
Os controis previstos serán tanto estáticos como dinámicos e estableceranse en zonas sensíbeis, especialmente no centro da cidade e no centro histórico, mais tamén se coidarán os principais accesos á cidade.
Os obxectivos principais desta campaña, que non únicos, pasan por detectar as circulacións irregulares por zonas con preferencia peonil e controlar os excesos de velocidade. “Os peóns non poden sentirse inseguros cando saen á rúa”.
A edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que os obxectivos desta acción de vixilancia pasan por detectar circulacións irregulares e excesos de velocidade
No referido aos VMP e ás bicicletas, a edil lembrou que estes vehículos deben circular sempre pola calzada cando haxa calzada, respectando todas as normas de tráfico sinaladas vertical e horizontal, “ao igual que calquera outro vehículo”. No referido ás plataformas únicas e zonas de convivencia, onde si está permitida a circulación de bicicletas e patinetes, estes non poderán superar nunca a velocidade dos peóns. Cando non os haxa, poderán ir a 10 quilómetros/hora, tal e como queda recollido na normativa (6 qm/h con peóns)
“Cómpre tamén lembrar que hai que manter unha distancia de seguridade cos peóns. Non se pode ir adiantando peóns, esquivando persoas, non pode xerarse ningún tipo de perigo ou inseguridade. Vaise controlar todo isto”, explicou.
Doutra banda, a responsábel da área de Protección e Seguridade Cidadá, lembrou que a condución destes vehículos non está libre dun posíbel sometemento a un test de drogas ou alcol, e negarse a realizalo pode saír “realmente caro”. Conducir con auriculares, facendo uso do móbil ou ir de dous no mesmo vehículo son tamén accións que poden ser sancionadas con 200 euros.