Lucía Silva e Enrique Fernández márcanse como obxectivo preparar a organización para lograr a alcaldía de Moraña.

Moraña, martes 21 de xaneiro de 2025. A organización nacionalista reelexíu, por unanimidade, a Lucía Silva, veciña de Amil de 27 anos e implicada en diversos movementos sociais do municipio, como responsable local e Enrique Fernández, veciño de Saiáns de 44 anos e membro da executiva comarcal do BNG, como vicerresponsable local no marco do proceso de renovación dos cargos de dirección na formación local.
O principal obxectivo da organización local, conxuntamente co grupo municipal, é visualizar e poñer en positivo ante a veciñanza que o BNG continúa máis activo que nunca, preocupado e listo para dar alternativas aos seus problemas, achegándose máis a carón dos colectivos sociais e a todas as parroquias.
Ademais, a dirección local busca continuar engrosando e fortalecendo internamente a organización, da que actualmente, “temos o maior número de militantes e simpatizantes de sempre, aos que queremos seguir ofrecéndolle e impulsando canles de comunicación e traballo diario do BNG”, en palabras de Lucía Silva.
Por último, a nova responsable afirma que a organización nacionalista endurecerá a súa tarefa de oposición xa que, tras máis de ano e medio de mandato, o goberno actual do Partido Popular continúa sen dar respostas aos problemas e cuestións que afectan ao conxunto da veciñanza de Moraña. "Seguen na liña dos gobernos populares, moita propaganda, pero pouca ou nula acción política e de xestión", afirma Silva.