As magnolias substituen aos ficus cerdeiras e en Joaquín Costa, Pintor Laxeiro e Virxinia Pereira

Plantacion de arborado en Pintor Laxeiro
Plantacion de arborado en Pintor Laxeiro
As magnolias substituen aos ficus cerdeiras e en Joaquín Costa, Pintor Laxeiro e Virxinia Pereira

Pontevedra, 27 de abril de 2026. A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos iniciou estes días a plantación de novas árbores para ocupar o espazo dos exemplares retirados durante o inverno, co obxectivo de mellorar o valor estético, paisaxístico e a accesibilidade de diferentes barrios. 

Dentro desta planificación, estanse a plantar magnolias nas rúas Pintor Laxeiro e Joaquín Costa, xusto onde foron retirados os ficus. Esta renovación acompáñase dun traballo de acondicionamento das escavas; de feito, na rúa Virxinia Pereira Renda, onde se retiraron as cerdeiras de froito, tamén se plantarán estas especies unha vez que rematen as obras de ampliación das escavas, que eran demasiado estreitas para o crecemento da planta. Na actualidade estanse a colocar bordos para evitar que os viandantes tropecen. 

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda,destacou que as novas Magnolias Kobus elixidas para as plantacións “son árbores máis acaídas para as rúas urbanas; teñen un tamaño menor, son de folla caduca, posúen raíces pouco invasivas e dan flor na primavera, aportando un maior valor estético e paisaxístico á rúa, pois vai variando a súa imaxe ao longo do ano”. 

A decisión de retirar os antigos ficus este inverno respondeu a unha demanda veciñal e a criterios técnicos para mellorar a calidade de vida nestas rúas. Os ficus, ao teren un gran crecemento que supera os 15 metros, xeran moitos problemas: as súas copas mestas e de folla perenne tapan a entrada do sol e restan moita luminosidade ás vivendas durante o inverno, mentres que o seu potente sistema radicular levanta as beirarrúas, dificultando a mobilidade. Con esta substitución, o Concello garante a luz natural nos meses fríos e a sombra no verán, replicando un modelo que xa se fixo con anterioridade noutras zonas como Salgueiriños, Rafael Dieste, Rodríguez Seoane e Losada Diéguez. 

A substitución das cerdeiras de froito en Virixina Pereira debeuse a que a caída da froita no verán atraía a abellas provocando situacións de perigo para os peóns. 

Melloras en Daniel de la Sota e limpeza na Parda 

Dentro deste proceso de mantemento das escavas das árbores urbanas, o departamento de Xaquín Moreda tamén interveu con éxito nas escavas do cruzamento de Daniel de la Sota con Peregrina, na contorna da fonte dos nenos. As raíces do arborado levantaran as grandes pedras que os cobren, resultando perigosas para os peóns, polo que a súa reparación permite recuperar a total seguridade e confort neste punto tan transitado da cidade. 

Así mesmo, no barrio da Parda, levouse a cabo unha importante limpeza do noiro situado na rúa Losada Diéguez, pegado ao estacionamento de balde en superficie. A parcela, que se atopaba chea de maleza, foi despexada coa tala de acacias, unha actuación que non só embelece a contorna senón que se retiran especies invasoras e permite mellorar o acceso ao composteiro situado nesa zona. 

A Concellaría tamén estivo a realizar tarefas de saneamento no arborado da senda urbana do río Gafos. A intervención consistiu en limpar os danos provocados polos temporais do inverno, retirando ramas secas e exemplares caídos sobre a canle do río, ademais de eliminar especies invasoras que xeraban insalubridade. Estes traballos culminarán coa replantación de especies autóctonas para dar sombra e mellorar a biodiversidade, deixando o parque en perfectas condicións de uso, relax e desfrute de cara á primavera e o verán. 

As magnolias substituen aos ficus cerdeiras e en Joaquín Costa, Pintor Laxeiro e Virxinia Pereira