‘Aquí Cántase’ fixa os seus ensaios de cara ao gran evento popular do 7 de agosto
Pontevedra, 27 de abril de 2026. Iníciase a conta atrás para unha das citas esenciais das Festas de Verán en Pontevedra: Aquí Cántase. O vindeiro 7 de agosto, a tradición e o canto colectivo volverán tomar as prazas do centro da Boa Vila nunha xornada que sempre deixa imaxes espectaculares e intres emocionantes, movéndose dacabalo entre a cultura popular e as cancións interxeracionais.
De novo, a asociación cultural Maravallada porá a súa maquinaria a funcionar para preparar este evento a través dunha serie de ensaios nos vindeiros meses, lembrando que non é preciso contar cunha gran voz ou unha grande entoación, tan só querer gozar das cancións que todos e todas coñecemos.
Así, os ensaios, de carácter aberto, quedan programados en horario de 20.30h a 22.00h do seguinte xeito:
- 6 e 20 de maio; e 3 e 17 de xuño no C.C. O Burgo
- 13 e 27 de maio, 10 de xuño e 1 de xullo no C.C. O Gorgullón
- 5 de agosto, ensaio xeral, no C.C. O Burgo
Ao longo dos últimos, a iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra logrou situarse como un auténtico éxito no referido ao número de xente que logra xuntar, pois son milleiros de persoas as que enchen prazas da cidade, coma o Teucro ou Curros Enríquez; xerándose unha peregrinación espontánea de xente por todo o centro durante as 20 cancións que dura o repertorio.
Aquí Cántase funcionará como un preludio fantástico e popular da Semana Grande das Festas da Peregrina, que este ano vivirán o seu inicio o 8 de agosto.