Pontevedra, un modelo de convivencia exemplar para México

mexico 800x450
Recepción a Fernando Cota, secretario técnico da Comisión de Desenvolvemento Urbano e Ordenación Territorial do Senado de México

Na reunión de traballo e na recepcións institucional fóronse perfilando distintos aspectos da axenda que o Alcalde e a concelleira de Promoción da Cidade terán na súa visita a México DF, que inclúe unha conferencia no prestixioso Instituto Tecnolóxico Autónomo de México e no Senado mexicano, ademais de participar con empresas locais na  Expopymes de Cidade de México.

Pontevedra, un modelo de convivencia exemplar para México

Avanzan os preparativos da viaxe a México DF. O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, recibiron e mantiveron hoxe unha reunión de traballo co secretario técnico da Comisión de Desenvolvemento Urbano e Ordenación Territorial do Senado de México, Fernando Cota Acuña, que aproveita a súa estancia privada en Pontevedra para concretar distintos aspectos da axenda que manterá a delegación municipal no país azteca.

O convite do ITAM (Instituto Tecnolóxico Autónomo de México) ao alcalde para que falase nesta prestixiosa universidade do modelo urbano, abríu as portas á organización da primeira misión comercial a México no escenario da Expopymes de Cidade de México e derivou nun novo convite, do Senado de México, interesada en profundar no modelo de Pontevedra nun momento no que en México se está a debater e definir o camiño a seguir no desenvolvemento urbano do país.

México leva anos avaliando modelos de cidade na procura do seu propio camiño e dende o Senado púxose o foco sobre Pontevedra “un modelo de cidade que xera un modelo de convivencia exemplar” en palabras de Fernando Cota. Dáse a circunstancia de que, por razóns familiares, o secretario técnico da Comisión de Desenvolvemento Urbano, viaxa periodicamente a Pontevedra e ademais o pasado ano o presidente da Comisión de Desenvolvemento Urbano do Senado de México coñeceu a cidade como turista o que lles fai ter unha idea axustada sobre o modelo pontevedrés.

México aprobou o pasado ano a Lei urbana de asentamentos humanos e agardan ter para o próximo a nova Lei xeral de mobilidade coas que pretende regulamentar o desenvolvemento urbano do país. “Estamos  onstruíndo os instrumentos para que México transite a un sistema de cidade máis compactas, máis peonís, máis humanas, con máis vida de barrio, cunha economía a escala local”. “O caso de Pontevedra venos como anel ao dedo” engadiu Fernando Cota.

 

Pontevedra, un modelo de convivencia exemplar para México