Pontevedra lidera, con outras 9 cidades do Estado, o rexeitamento ao Decreto-lei sobre remanentes dos Concellos

20200807_093926
Pontevedra lidera, con outras 9 cidades do Estado, o rexeitamento ao Decreto-lei sobre remanentes dos Concellos

Pontevedra, 7 de agosto de 2020. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá nunha xuntanza telemática con alcaldes doutras 9 cidades do Estado español para avaliar o “Real Decreto-lei 27/2020, de 4 de agosto, de medidas financeiras, de carácter extraordinario e urxente, aplicables ás entidades locais”. Na xuntanza, ademais de Fernández Lores, participaron os alcaldes de Bilbao, Juan Mari Aburto Rique (PNV); Cádiz, José María González Santos (Adelante Cádiz); Granada, Luis Salvador García (Ciudadanos); Lleida, Miquel Pueyo Paris (Esquerra Republicana); Madrid, José Luis Martínez Almeida (PP); Murcia, José Francisco Ballesta Germán (PP); Santa Cruz de Tenerife, José Manuel Bermúdez Esparza (Coalición Canaria); Zaragoza, Jorge Azcón Navarro (PP); e Reus, Carlos Pellicer (Junts per Reus). Na xuntanza non puido participar o alcalde de Valencia (Compromís), aínda que manifestou a súa adhesión ao posicionamento.

Tras o encontro, o alcalde pontevedrés explicou que o tema central "foi o rexeitamento a este real decreto-lei que consideramos inxusto, discriminatorio e que viola a autonomía municipal". Neste contexto, os dez alcaldes, que representan a cidades con diferentes realidades financeiras, buscaron puntos de encontro que Fernández Lores resumiu en catro:

  • Financiación directa, independentemente da situación financeira de cada Concello, para afrontar os efectos da Covid e que teña en conta a autonomía municipal á hora de definir a que se destina.
  • Utilización de remanentes se nlimitación, para aqueles Concellos que os teñen.
  • Levantar a aplicación da regla de gasto, do concepto de déficit e de estabilidade, cando menos durante o exercicio 2021.
  • Definir o acceso dos Concellos aos fondos europeos, posto que se coñece que o Estado recibirá 140.000 millóns de euros pero non se sabe canto van recibir os Concellos.

 

Derrogación Lei Montoro

Miguel Anxo Fernández Lores lembrou "que a nosa posición a respecto desta cuestión xa é coñecida, e tamén foi aprobada pola Fegamp no seu día, e pasa pola derrogación da Lei Montoro que afecta á regla de gasto, ao déficit e estabilidade financeira". Tres cuestións, segundo indicou o alcalde que "son as tres patas polas que a Lei Montoro estrangula dalgunha maneira o funcionamento dos Concellos".

Insistiu en que "o fondo da cuestión é que nós estivemos respectando a Lei Montoro, o que nos imposibilitou facer investimentos e dar servizos aos cidadáns para aforrar cartos e agora nolos incauta o Estado". No caso concreto de Pontevedra, o alcalde asegurou que ascende a arredor de 20 millóns de euros de liquidez.

Os Concellos asinantes demandan, entre outras cuestións, que se elimine a regra de gasto e o déficit, se permita o endebedamento, e dispoñer libremente dos remanentes a aqueles Concellos que os teñan

"Non é xusto" insistiu "que o Estado, que durante todos estes anos aumentou dunha forma exponencial a débeda, veña agora a incautarnos o peto dos que cumprimos a norma, e non poidamos utilizalo nesta situación de emerxencia social e económica na que estamos".

Por último, Fernández Lores informou que o posicionamento acordado esta mañá será trasladado aos responsables políticos do Ministerio de Facenda e a todos os municipios que queiran sumarse. A idea é que se chegue a unha renegociación do decreto-lei "porque non é un acordo de reparto de 5.000 millóns de euros, é unha incautación de 14.000 millóns dos Concellos que se devolverán en 17 anos" asegurou.

Pontevedra lidera, con outras 9 cidades do Estado, o rexeitamento ao Decreto-lei sobre remanentes dos Concellos