Pontevedra expón o seu modelo de transformación urbana na cidade de Roma

Pontevedra-Internacional-Roma
Pontevedra-Internacional-Roma
Pontevedra expón o seu modelo de transformación urbana na cidade de Roma

Roma. 24 de marzo de 2026. O edil de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, representou hoxe a Pontevedra no congreso "Novos paradigmas da vida urbana, proximidade, benestar en cidades e territorios", un encontro celebrado en Roma e organizado polo Consello Nacional de Arquitectura, Planificación, Paisaxismo e Conservación de Italia, entidade equivalente ao Colexio de Arquitectos no Estado español.

Durante a xornada, Pontevedra participou na palestra titulada "Cidades para recuperar o tempo, proximidade, ritmos e calidade de vida", na que tamén estiveron presentes representantes dunha cidade de Francia e outra de Polonia. Neste espazo, Xaquín Moreda explicou a profunda transformación urbana que experimentou a cidade do Lérez nos últimos anos.

Na súa intervención, o edil detallou como Pontevedra se converteu nunha cidade pensada para as persoas, o que permitiu mellorar significativamente a vida e a calidade urbana de todos os seus habitantes.

O modelo pontevedrés espertou un interese real entre o público asistente. Como mostra da boa acollida da presentación, Moreda destacou unha anécdota protagonizada polo propio presidente do Consello Nacional de Arquitectura, quen se achegou ao edil pontevedrés ao rematar a charla para transmitirlle a súa firme intención de viaxar a Pontevedra co obxectivo de descubrir in situ todas as melloras e avances explicados durante o congreso.

Pontevedra expón o seu modelo de transformación urbana na cidade de Roma