O Concello de Caldas instala 72’5 metros cadrados de paneis solares no tellado do Auditorio Municipal para autoabastecelo de enerxía
Caldas, 24 de marzo de 2026. O Concello de Caldas de Reis está a instalar paneis fotovoltaicos no tellado do Auditorio Municipal que permitirán autoabastecelo de enerxía. Trátase dunha obra incluída no proxecto global de recuperación da Carballeira coa creación dun ‘Museo Aberto 24/7’, xa que o edificio albergará o futuro centro de visitantes do espazo natural. O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que con esta instalación fotovoltaica, sumada á do pavillón e á do CEIP Alfonso VII, xa en funcionamento dende setembro do ano pasado, o Concello conseguirá superar os 130 kilovatios de produción enerxética propia.
No caso do Auditorio, a instalación fotovoltaica alcanzará unha potencia de 17.110 W grazas a 29 paneis de 540 W que se están a colocar na cuberta e que permitirán unha eficiencia enerxética do 26%. Concretamente, as placas fotovoltaicas instalaranse sobre 72.5 metros cadrados en dous tipos de cuberta: unha de panel e outra de tella. Na primeira, que está orientada ao leste, estase a instalar unha estrutura inclinada para orientar os paneis ao suroeste. Na segunda, xa orientada cara esa dirección -polo que non dispón de sombras- aproveitarase directamente a inclinación da propia cuberta. As obras finalizarán esta mesma semana.
O tenente de alcalde subliña que a instalación destes paneis permite cumprir con parte dos obxectivos da subvención outorgada polo Ministerio para a rehabilitación da Carballeira e o Xardín Botánico. Unha das esixencias da axuda estatal -con fondos europeos- era que se elaborase un plan para a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, algo que se cumpre coa dotación das placas de autoconsumo, que reducen e compensan a pegada de carbono.
Fariña explica que o Concello, en xeral, está a apostar polas enerxías sustentables nos edificios municipais xestionados polo grupo nacionalista realizando proxectos ambiciosos. Ata o de agora, o Concello conta xa con paneis solares no pavillón de deportes, que están a permitir un aforro do 30% sobre o consumo anterior. Tamén dispón dunha nova instalación fotovoltaica no CEIP Alfonso VII, a máis grande, con 185 paneis. Con todas as actuacións mencionadas, o goberno local terá instalacións por máis de 130 kilovatios de produción propia de enerxía sustentable.