INICIARÁ UN CAMBIO DE PARADIGMA
Pontevedra estrea o 1 de xuño o seu novo contrato de xestión e tratamento de residuos
Pontevedra, 30 de maio de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha xuntanza coa directiva de PreZero-España, empresa adxudicataria do novo contrato de xestión e tratamento de residuos e limpeza viaria. Nesta reunión de traballo estivo presente o director de negocio público da zona norte, Borja Martín; a directora de zona de Galiza e Asturias, Mariluz Rivas; a delegada Galiza-Sur, Natalia Regueira; e o xestor do servizo en Pontevedra, Alfonso Silveira, ademais do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, e traballadores municipais.
O obxectivo da xuntanza non foi outro que marcar e subliñar os primeiros pasos que a empresa deberá dar coa posta en marcha do novo contrato, que entrará en vigor o 1 de xuño, ogrando a apertura dun novo capítulo para a cidade e un cambio substancial nesta área, cambio que se irá percibindo e logrando ao longo dos vindeiros meses de xeito progresivo e constante.
O alcalde lembrou que este contrato ten unha duración de vinte anos, tratándose dun contrato “no que ten moita ilusión posta e que traerá un cambio real”. “Trátase de algo totalmente novo, adaptado á lexislación actual, coa idea de que os residuos cando se separan falamos de recursos e cando non se separan son unha bomba de reloxería para o medio ambiente. Queremos cambiar substancialmente o enfoque. Temos un contrato pioneiro, custou traballo, pero aquí está”.
O rexedor quixo insistir á hora de deixar claro que “se informará a xente para que coñeza os seus dereitos e deberes á hora de xestionar os residuos”. “Teño plena confianza na cidadanía de Pontevedra. Todos os proxectos que comezamos para mellor a calidade de vida da xente sempre contou co apoio maioritario”.
Así, Pontevedra prevé ser tamén referente neste ámbito (recollida, tratamento e aproveitamento dos residuos). “Temos vinte anos por diante para logralo. Non será inmediato, que ninguén pense que mañá teremos centos de colectores novos e ducias de vehículos eléctricos nas rúas. Levará un tempo pequeno e agardamos que sexa o antes posíbel, mais sobre todo que sexa con calma e boa letra. Pronto comezaremos a ver medidas e cambios en todo o concello”.
Pola súa banda, o director de negocio público da zona norte para PreZero, Borja Martín, indicou que o novo contrato suporá “unha transformación integral do servizo tal e como coñecía a veciñanza até hoxe”. “Falamos de cambios en todos os aspectos: en persoal, en medios, en flota, infraestruturas, a súa sustentabilidade e tamén a participación cidadá”.
Martín fixo un fondo repaso das distintas melloras que irán chegando:
- Aumento nun 67 % do persoal directo (chegando a un equipo humano de 200 persoas)
- Mellora na flota, situando a Pontevedra na vangarda de vehículos ecolóxicos (un 52 % da flota será eléctrica e un 41 % funcionará con gas natural comprimido)
- Novos elementos e ferramentas eléctricas para uso diario (sopradoras, rozadoras...)
- 4.000 colectores novos (2.800 de carga lateral e 1.200 de carga traseira) e aumento dos composteiros colectivos (de 36 a 100)
- Deseño, construción e explotación da planta de compostaxe na Canicouva
- Mudanza de papeleiras
- Novo punto limpo máis accesíbel no Campiño
- Novas infraestruturas de traballo (na estrada de Marín e no centro da cidade)
- Puntos limpos móbeis
- Recollida selectiva na hostalaría ampliada porta a porta (de vidro, envases, papel e cartón, biorresiduos e resto)
- Recollida de aceites, pilas e voluminosos
- Eliminación de todos os colectores de superficie no centro histórico, aparecendo illas emerxentes en franxas horarias concretas
“Queremos implicar á cidadanía desde o día un, por iso contaremos cun educador ambiental os primeiros cinco anos do contrato para tratar coas veciñas e veciños, concienciando sobre a reciclaxe. O 2 % do orzamento do primeiro ano estará destinado a divulgar sobre a necesidade da separación e a concienciación. Tamén teremos unha app na que a veciñanza poderá rexistrar incidencias en tempo real e obter un feedback sobre a mesma”.