29 DE MAIO. 20.30 H. PAZO DA CULTURA

Pontevedra converterase no epicentro da música coral galega co concerto colectivo "As rúas do vento ceibe" da man da Fundación Manuel María

Rolda As rúas do vento ceibe
Rolda As rúas do vento ceibe
Pontevedra converterase no epicentro da música coral galega co concerto colectivo "As rúas do vento ceibe" da man da Fundación Manuel María

O Concello de Pontevedra presentou o concerto sinfónico-coral "As rúas do vento ceibe", unha produción de "longuísimo alcance e enorme complexidade" que terá lugar o próximo 29 de maio ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. O evento, que nace dunha colaboración entre a Fundación Manuel María e diversas entidades musicais, destaca pola súa magnitude, con preto de 300 intérpretes en escena. 

O edil de Cultura Demetrio Gómez, subliñou o orgullo que supón para a cidade participar nunha produción que "contribúe dunha maneira tan importante a que Galiza teña unha cultura, unha literatura e agora tamén unha produción musical que pode medirse coa de calquera país do mundo". Segundo explicou o concelleiro, este proxecto destaca pola forte implicación do tecido cultural local, contando coa participación da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Coral Polifónica e o coro do IES A Xunqueira. "Para nós é un orgullo poder colaborar nesta produción e poder darlle esta nova vida a poemas tan importantes". 

Pola súa banda, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María, detallou que este proxecto se leva fraguando "a lume lento desde o ano 2018. A obra central baséase no libro homónimo de Manuel María publicado en 1979, unha obra que o autor escribiu coa liberdade que non tivo durante o fascismo e que conserva actualidade absoluta". 

O espectáculo, dirixido por David Fiuza e coas composicións de Xosé Carlos Oliveira (Carlos Serán), contará tamén coa mezzosoprano Julia Portela. O coro adulto estará integrado polo Coro de Cámara Thalassa de Marín, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Compostela e a Sociedade Coral Polífónica de Pontevedra. O coro xuvenil estará conformado polos coros do IES A Xunqueira 1 de Pontevedra, Voces da Terra Chá de Lugo e Peque Coro in crescendo de Ferrol. Ansede destacou este aspecto xa que “non vai ser unha sucesión de actuacións dos diferentes coros, é un coro conxunto feito por cinco coros no caso dos adultos e 3 no caso dos xuvenís. Imaxinen o traballo que hai detrás 

O concerto estruturarase en dúas partes: unha primeira centrada en poemas de Rosalía, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e unha segunda parte dedicada integramente ás sete pezas que conforman "As rúas do vento ceibe", centradas na definición do país, a súa cultura e a súa identidade. Ansede fixo fincapé no valor interxeracional dos coros e en que non se trata dun espectáculo pasivo, xa que o proxecto inclúe a gravación do concerto e a edición de materiais didácticos para centros de ensino e escolas de música: ”Non queremos que pase o día e pase a romaría. Preparar este material é a forma de que este concerto transcenda e garantir que a música sexa un elemento de aprendizaxe para as novas xeracións”. 

Ansede fixo un chamamento directo á cidadanía para que non se perdan este "espectáculo singular cunha grande calidade artística, polo proxecto cultural que leva consigo e porque estou seguro que vai ser unha experiencia inolvidable". Apuntando as dificultades organizativas e a falta de apoio dalgunhas institucións provinciais, o presidente da Fundación salientou a implicación e disposición do Concello de Pontevedra e agradeceu a "entrega e compañeirismo" de todas as formacións participantes. 

O concerto en Pontevedra será o 29 de maio ás 20.30 no Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar a capacidade. O espectáculo viaxará a Lugo o día 15 deste mes (Auditorio Fuxan os Ventos) e a Santiago de Compostela, o día 30 (Auditorio de Galiza). 

Pontevedra converterase no epicentro da música coral galega co concerto colectivo "As rúas do vento ceibe" da man da Fundación Manuel María