O BNG presentará unha iniciativa parlamentar para que o Ministerio de Transportes resolva de maneira integral os problemas da N-550 en Caldas
Caldas, 5 de maio de 2026. O BNG presentará nas Cortes do Estado unha iniciativa parlamentar para que o Goberno do Estado realice unha reforma integral na N-550 en Caldas. Así o fará a senadora Carme da Silva tras unha reunión co voceiro local Manuel Fariña na que ambos os dous constataron ‘in situ’ que as últimas melloras realizadas no pavimento da estrada estatal non resistiron o paso dos últimos temporais.
Durante a visita de Carme da Silva á localidade, a senadora comprobou o notábel deterioro da vía que afecta “tanto á seguranza viaria como á economía local”. Ante esta situación, a nacionalista anunciou o rexistro de iniciativas para que o Ministerio de Transportes actúe de maneira decidida e de forma integral nesta vía co obxectivo de resolver os problemas de seguranza viaria causados polas numerosas fochancas e o pavimento tan deteriorado debido ao elevado tránsito da N-550.
O voceiro Manuel Fariña, pola súa banda, subliñou que o viario estatal está nun estado moi precario a pesares de ser unha ruta fundamental para chegar a Caldas, cabeceira de comarca e referencia para moitas actividades. O nacionalista xa dera traslado en persoa das queixas polas deficiencias da N-550 ao subdelegado a mediados do mes de abril, cando subliñou que as obras feitas ata o de agora foron apenas “parches” totalmente insuficientes que non resistiron os danos causados polas chuvias do inverno.
Fariña indicou que Caldas precisa unha actuación integral completa “e non remendos e reparacións que aos dous días volven estar levantados”. Por iso esixe tanto unha rehabilitación estrutural do pavimento como a implantación de elementos de seguranza viaria, especificamente de calmado de tráfico e redución de velocidade.
Segundo Fariña, a actuación de 200.000 euros anunciada dende o Goberno central para Caldas está moi lonxe de ser unha reforma completa, senón que se trata simplemente dunha actuación de conservación e mellora puntual con ‘bacheos’ e selado de fendas superficiais en treitos limitados.
“Con ese orzamento non se atenden as necesidades que hai. Non precisamos actuacións dispersas, precisamos un fresado e unha reposición do asfalto en condicións que non salte cando pasen catro coches ou caian catro gotas”, insistiu, ao tempo en que solicitou ao Goberno do Estado que non faga unha “fuxida cara adiante intentando salvar a cara” prolongando a vida útil da estrada con actuacións superficiais “que saben non son a solución”.