Pontevedra continúa a dinamizar o Mercado e incorpora dúas novas actividades
Pontevedra, 5 de novembro de 2026. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou esta mañá as novas actividades que pasan a enriquecer máis o programa Pontevedra Capital Gastro que continúan consolidando o Mercado de Abastos como equipamento cultural esencial da cidade e converténdoo no merecido epicentro da cultura culinaria e do ocio para todas as idades.
Como principal novidade, o xoves 4 dá inicio a primeira entrega do Mercado do Emprendemento, unha nova liña do programa que ten a finalidade de que pequenos e medianos emprendementos continúen expandíndose e incentivando a economía local. De xoves a sábado, a iniciativa permitirá a tres emprendementos da cidade gozar dun espazo na praza de abastos para poñer en práctica os seus coñecementos e o seu bo facer.
Este mes de novembro, os emprendementos seleccionados son a tenda de tés sostible Té Agarimo, o negocio de amenities hoteleiros Lua & Tierra e Visual Gastro, que realizará un vídeo pódcast con cociñeiros e cociñeiras locais dende o propio mercado. Esta iniciativa durará ata abril e cada mes permitirá a tres negocios de Pontevedra xerar sinerxias, chegar a novos públicos e continuar a dinamizar o Mercado, polo que a edil convidou a toda a cidadanía a pasar polo primeiro andar e descubrir estes novos emprendementos relacionados coa hostalería e coa gastronomía.
Os días 14 e 15 de novembro, o primeiro andar do Mercado converterase nun festival de Magosto da man do primeiro Pontevedra Gastrofest. Esta nova liña de actividades repetirase novamente en febreiro e en abril e de cada vez terá como protagonistas as festividades gastronómicas galegas propias da época. O Magosto non será un festival ao uso, senón que contará cunha morea de actividades de balde e para todos os públicos co eixo central da castaña pero enfocada en todas as vertentes deste produto tan importante na gastronomía galega: xogos tradicionais, obradoiros para crianzas, castañada popular, showcooking a partir de castañas cun chef convidado, catas comentadas con expertos en bebidas arredor do licor de castañas e concursos de participación aberta para descubrir quen fai a mellor sobremesa elaborada a partir de castañas. A inscrición para esta última débese facer previamente. O venres 14 o horario será de 17.00 a 20.15 e o sábado de 11.00 a 15.00.
Ademais, este sábado volve unha nova edición do Mercado Creativo, que reunirá a deseñadores, ilustradores e outros empregos creativos da Boa Vila no primeiro andar da praza de abastos. O horario será o mesmo, de 11.00 da mañá a 15.00 da tarde, e o evento contará con 30 expositores seleccionados dos máis de 45 presentados, 107 en total para o resto do programa, amais de animación, petiscos e bebidas e máis música en vivo a partir das 13.00 horas para gozar dunha sesión vermú ao estilo Sétima feira. É un punto de encontro para descubrir, apoiar e gozar do talento creativo da cidade a través de mostras, venda directa, degustacións, música e sorteos.
E a Mesa do Camiño chega ata novembro como un fenómeno entre os peregrinos do Camiño Portugués.