O Concello de Pontevedra presenta o Receitario Tradicional de Pontevedra, con pratos que salientan a gastronomía da comarca
Pontevedra, 5 de novembro de 2025. O Concello de Pontevedra, a través da Área de Promoción Económica, presenta o Receitario Tradicional da Comarca de Pontevedra, un proxecto do programa de cultura culinaria Pontevedra Capital Gastro destinado a dinamizar a hostalería e a poñer en valor a cultura gastronómica local.
O receitario recolle unha selección de receitas tradicionais dos concellos de (Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa) que reflicten a esencia dunha cociña que une o mar e a terra, o agro e a pesca, a tradición e a creatividade. Amais, trátase dunha recompilación que na súa práctica totalidade foi feita a partir de testemuños de mulleres, que cos seus coñecementos da tradición culinaria manteñen viva a memoria da comarca.
Os pratos conxugan produtos propios da zona do Lérez, área prelitoral que mestura mar e terra, agro e pesca, e resulta nunha cociña profundamente vencellada ao territorio. Así, a publicación contará con 21 pratos e unha decena de sobremesas como as ameixas á mariñeira, o caldo de Mourente, o xabarín con mazás, as filloas ou o bolo de San Martiño. A publicación inclúe un texto introdutorio que salienta a alimentación de proximidade, sostible e vencellada ao territorio, unha homenaxe á memoria culinaria compartida e é unha invitación a redescubrir os sabores que continúan a definir Pontevedra.