23-27 DE SETEMBRO

Pontevedra consolídase como a capital mundial do tríatlon cunha Gran Final no 2026 que proxecta un impacto económico de ata 50 millóns de euros

Pontevedra consolídase como a capital mundial do tríatlon cunha Gran Final no 2026 que proxecta un impacto económico de ata 50 millóns de euros

Pontevedra, 25 de febreiro de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente da Federación Española de Triatlón (FETRI), José Hidalgo, e o presidente de World Triathlon, Antonio Fernández, compareceron tras a celebración da segunda reunión do comité organizador da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2026 para dar conta dos avances deste gran evento deportivo. 

Esta cita marcará un fito na historia do deporte, xa que Pontevedra pasará a integrar un selectísimo grupo de apenas tres cidades no mundo (xunto con Edmonton en Canadá e Gold Coast en Australia) que lograron albergar en dúas ocasións unha Gran Final. A proba foi cualificada como o evento deportivo máis importante que se vai celebrar no Estado ese ano. 

A cita deportiva contará cun orzamento aproximado de 3,5 millóns de euros. Segundo explicou o rexedor, o Concello de Pontevedra asume a maior parte do esforzo institucional cuns 1,4 millóns de euros comprometidos, mentres que a Deputación aportará 100.000 euros. O Goberno Local tamén confía en pechar a implicación da Xunta de Galiza a través de Deportes e de Turismo, co obxectivo de utilizar o evento como gran plataforma de promoción do Xacobeo 2027. 

O presidente da FETRI, José Hidalgo, destacou a enorme rendibilidade da proba. Baseándose en auditorías recentes, prevese que o evento deixe un impacto económico directo e indirecto na cidade, na comarca e no país de entre 45 e 50 millóns de euros. Os datos reflicten que "por cada euro investido da administración vai superar os 25 euros" de retorno, con estimacións de máis de 22 millóns de euros de ingresos directos só para o sector da hostalería e o aloxamento. 

A edición de 2026 será aínda maior que a de 2023. Ao programa sumaranse os campionatos do mundo de relevos de grupos de idade e a modalidade sprint, o que suporá un 30 % máis de participación, con arredor de 1.000 deportistas a maiores. Agárdase a chegada duns 4.500 a 5.000 triatletas, o que mobilizará en total a entre 15.000 e 20.000 persoas procedentes de 70 a 80 países, enchendo a capacidade hostaleira de Pontevedra e do resto da provincia. 

No ámbito promocional, Miguel Anxo Fernández Lores desvelou unha novidade transcendental: por primeira vez, o circuíto de ciclismo das probas de elite (masculina e feminina) pasará polo centro da cidade. Isto garantirá unhas 4 horas de retransmisión televisiva de máxima calidade ensinando a cidade ao mundo, chegando a máis cadeas que nunca e abrindo novos mercados como o chinés. 

No aspecto deportivo, o presidente de World Triathlon, Antonio Fernández, subliñou que Pontevedra marcará o inicio da clasificación olímpica para os Xogos de Los Ángeles, o que asegura a presenza de toda a elite mundial actual, incluídos os recentes campións de París, e das futuras estrelas deste deporte. 

Fernández concluíu agradecendo ás institucións a súa implicación e destacou o motivo polo que o tríatlon mundial aposta por Pontevedra: "O recordo que levan os nosos participantes é un recordo que sempre queda nas súas memorias para toda a súa vida e por iso queren sempre volver”. 

A nivel organizativo, a Gran Final tamén contará con importantes eventos paralelos, como o Congreso Mundial de World Triathlon que se celebrará no concello de Sanxenxo. 

Pontevedra consolídase como a capital mundial do tríatlon cunha Gran Final no 2026 que proxecta un impacto económico de ata 50 millóns de euros