Pontevedra comeza a renovación dos colectores amarelos para envases lixeiros

Novos colectores de envases lixeiros
Novos colectores de envases lixeiros
Pontevedra comeza a renovación dos colectores amarelos para envases lixeiros
Pontevedra, 20 de outubro de 2025. O Concello dá un novo paso na súa estratexia de xestión de residuos coa inminente posta en marcha dos novos colectores de envases lixeiros (colector amarelo). Un total de 498 unidades de cubo gris e tapa amarela comezaron a despregarse a partir do luns 20 de outubro, seguindo o sistema de implantación xa establecido cos colectores de papel e cartón (azuis). A substitución iniciouse nas principais rúas do centro urbano (na mesma ruta seguida polos colectores azuis) para logo estenderse progresivamente ás quince parroquias, garantindo unha cobertura completa do territorio. 

O concelleiro responsable do servizo, Xaquín Moreda, visitou esta semana as instalacións da empresa concesionaria Prezero, onde se están a montar os novos colectores amarelos. Durante a visita, Moreda subliñou a transcendencia deste novo avance: "continuamos adiante co desenvolvemento do noso contrato e empézase a ver un antes e un despois en Pontevedra. Coa chegada dos colectores amarelos, non só melloramos substancialmente a nosa capacidade de recollida selectiva de envases lixeiros, senón que consolidamos un modelo máis eficiente e adaptado ás necesidades do noso concello". 

Moreda tamén quixo poñer en valor o esforzo conxunto: "este despregamento é froito dunha planificación rigorosa. Estamos a dotar a Pontevedra das mellores ferramentas para unha xestión de residuos moderna e respectuosa co medio ambiente, e para iso é fundamental a colaboración da veciñanza. Cada envase depositado correctamente no colector amarelo achegaranos a unha cidade máis limpa e sostible". 

O concelleiro lembrou que nos novos colectores amarelos poderanse depositar envases de: 

  • Plástico: botellas e botes, bandexas, bolsas non compostables, envoltorios tipo "film", caixas.
  • Metal: latas de conservas e bebidas e bandexas de aluminio.
  • Mixtos/“Briks”: briks de leite, zumes, sopas, etc.

É importante recordar que os caldeiros de plástico e os utensilios de cociña (garfos, coitelos, culleres, etc.) de plástico ou metal non deben ir a este colector, senón á fracción resto. Así mesmo, os envases deben depositarse baleiros e, sempre que sexa posible, compactados para optimizar o espazo e facilitar o proceso de reciclaxe. 

Este despregamento forma parte do proxecto global de substitución de todos os colectores do municipio. 

Adicionalmente, o Concello segue a impulsar outras iniciativas complementarias. Xa se instalaron dous novos colectores de aceite no Mercado, un servizo que se expandirá progresivamente ás zonas rurais en primeiro lugar. Tamén se presentou a primeira remesa da nova flota de maquinaria de última xeración que incorpora o novo contrato de residuos, e as limpezas integrais estanse a suceder en distintos barrios da cidade, garantindo non só a recollida senón tamén a hixiene e o coidado do espazo público. 

Pontevedra comeza a renovación dos colectores amarelos para envases lixeiros