Pontevedra celebrará o Ano Castelao dun xeito conxunto e colectivo coas asociacións da cidade
Pontevedra prepárase para celebrar un Ano Castelao por todo o alto. Desde o Concello de Pontevedra, os preparativos avanzan e as ideas e actividades acumúlanse para cristalizar ao longo de todo este 2025 co fin de divulgar e homenaxear a súa figura. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, lembrou que a unión do nacionalista con Pontevedra é realmente forte, tanto é así que “Castelao escolleu ser pontevedrés e así o demostrou ao longo de toda a súa vida”, implicándose e participando activa e intensamente na vida da cidade.
Gómez lembrou que a celebración do Ano Castelao traerá consigo un esforzo extra por parte da administración local, e que xa se deixou notar coa publicación do bando publicado o día 7 de xaneiro, á hora de traballar a prol dunha programación transversal que chegará a todos os ámbitos do municipio ao longo de todo ano, non só a un día ou unha semana.
“Estamos traballando con distintos materiais para que a programación poida ser realmente variada, por iso recuperamos xa a exposición ‘Castelao e Nós’ que xa ten uns anos, pero que queremos reconvertela a un novo formato, mesmo transformala nunha páxina web”, explicou o edil.
Así, o Concello mantivo un encontro con máis dunha vintena de entidades e asociacións da cidade para trazar liñas de colaboración activas á hora de participar neste Ano Castelao. “Este ano non só haberá unha programación promovida desde o Concello. As asociacións e outros colectivos da cidade están xa traballando nas súas actividades e queremos ver cales son, animalas a seguir ese camiño e lembrar que Pontevedra é unha cidade dinámica, cun forte compoñente organizativo e social”.
O concelleiro de Cultura agarda poder presentar moi pronto unha programación colectiva e conxunta, “para todos e para todas, e durante todo o ano”.