Pontevedra adica o mes do Orgullo a lembrar referentes LGTBIQ + o seu exemplo que abriu camiño a unha vida con dereitos e en liberdade

Presentación Mes do orgullo
Presentación Mes do orgullo
Pontevedra adica o mes do Orgullo a lembrar referentes LGTBIQ + o seu exemplo que abriu camiño a unha vida con dereitos e en liberdade

Pontevedra, 2 de xuño de 2026. “Somos unha cidade orgullosa e diversa, os 365 dias do ano” gústalle subliñar a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, que hoxe presentou o amplo abano de actividades que se van desenvolver no mes de Xuño ao abeiro Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ (28X). Unhas actividades nas que, xunto ao Concello, teñen un papel destacado o programa municipal Pinto e Maragota, o colectivo Avante LGTB+ e Arelas- Asociación de familias de menores e mocidade Trans de Galiza. Ao seu carón, Diego Feijóo, portavoz de Avante, quen destacou “a importancia de celebrar na rúa os dereitos que tanto custaron acadar”.

A concelleira de Igualdade reivindicou a aposta pola igualdade e diversidade do Concello de Pontevedra, que neste mes de xuño teñen maior visibilidade, con actos de concienciación, formación e información que concluirán coa manifestación do Día do Orgullo. “Son datas para xuntarnos, socializar e celebrar. E tamén para reivindicar nin un paso atrás nos dereitos adquiridos polo colectivo LGTBi+ , son irrenunciables” recalcou.

O Orgullo lucirá no balcón da Casa Consistorial a partir deste xoves 4 de xuño, cando ás 19.00, coa presentación da instalación “Orgullo PTV+ Referentes”, co que se quere visibilizar “a lembranza e agradecemento a todos os referentes (da comunidade LGTB+, que loitaron para que hoxe poidamos ser quen somos e vivir con dereitos e en liberdade”, explicou Anabel Gulías. Persoas como Manuel Estévez Tato, Manilo, que na Pontevedra dos anos 60 e 70 do século XX, nun contexto no que se penalizada a diversidade sexual e de xénero -como delito e como pecado- mostrouse visible como home homosexual, expoñéndose a insultos e malleiras.

Na memoria colectiva da cidade quedou a súa paixón polo Pontevedra CF, a súa imaxe en Pasarón e o seu berro, megáfono en man: “Hala, Pontevedriña! Ánimo, ‘chavales’!”.

Xente como el, ou como Elisa e Marcela, como a señorita Carmiña ou Juanito Meregildo, como Laura Bugallo ou Nacha Sánchez “La Pedrosa” son referentes que estarán presentes na programación Orgullo PTV+ 2026, persoas que derrubaron barreiras, enfrontaron prexuízos, que sufriron represión, humillacións e ostracismo e que amosaron que a diversidade existe e ten dereito a unha vida plena.

MANIFESTACiÖN

Manilo foi un exemplo, entre tantos outros, que amosa que “Con Franco NON viviamos mellor”, o lema da manifestación do Orgullo 2026 que percorrerá as rúas da cidade o 27 de Xuño, e que dará paso á lectura do manifesto (tamén en lingua de signos).

Con Franco NON viviamos mellor é tamén o título do Vermú- Faladoiro Pinto e Maragota da xornada do 4 de Xuño, protagonizado por Daniela Fernández e Carlos Callón. Un lema “que lembra de onde vimos e que rexeita a idea romantizada da vida no franquismo” sinala o portavoz de Avante LGTB+, Diego Feijóo.

Nun momento de involución social, no que algunhas persoas estrañan un pasado idealizado ou descoñecido, é preciso lembrar que, durante a ditadura, existía a Lei de Vagos e Maleantes (1954), que permitía internar aos homosexuais no cárcere ou campos de concentración sen cometer ningún delito, só por existir, e que foi substituída en 1970 pola Lei de Perigrosidade e Rehabilitación Social, que “legalizou” internamentos psiquiátricos e terapias de conversión, unha tortura institucionalizada que hoxe queren manter con avais pseudocientíficos.

A programación Orgullo PTV+ 2026 inclúe sete faladoiros, que nos convidarán a reflexionar e debater sobre: A situación das mulleres lésbicas na Galiza (día 8), A comunidade cuir no folclore galego (día 15), Sendo quen es: realidades Trans. Familias e espazos seguros (día 16), Referentes: Nacha vestida de azul (día 18) e Máis que canastras, identidade e xogo (día 25). E tamén unha exposición: A cor coma ponte de Lucía Villar e Noa González (día 19, inauguración); un roteiro pola Memoria cuir de Pontevedra (15 de Xuño) e festa: San Xoán Cuir (día 23), Festa do Orgullo PTV+ 2026 (día 27). E o ramo porao a manifestación do Orgullo, co lema "Con Franco Non viviamos mellor".

O programa, ilustrado por Mónica Sousa, pode ser consultado na web e redes sociais do programa municipal Pinto e Maragota, Avante LGTB+, Arelas e na web do Concello de Pontevedra.

Programa Orgullo 2026

Pontevedra adica o mes do Orgullo a lembrar referentes LGTBIQ + o seu exemplo que abriu camiño a unha vida con dereitos e en liberdade