Éxito total de visitas na primeira fin de semana trala inauguración do Botánico de Caldas

Éxito total de visitas na primeira fin de semana trala inauguración do Botánico de Caldas

Caldas, 1 de xuño de 2026. O reformado Botánico de Caldas está a xerar grande expectación. A primeira fin de semana tras a inauguración institucional do pasado venres foi un total éxito, con centos de persoas que desbordaron as actividades da xornada aberta do sábado, e que aproveitaron o domingo para coñecer o espazo rehabilitado xa por libre. O tenente de alcalde Manuel Fariña amosou a súa satisfacción pola resposta da cidadanía ante o novo “Xardín da Galiza, un lugar que forma parte da identidade da vila de Caldas e que está concibido para vivir, convivir e gozar”.

Fariña puxo en valor o amplo programa de actividades organizado polo Concello, que permitiu coñecer os novos espazos do Botánico e da Carballeira a través de visitas guiadas, charlas informativas, propostas familiares e un espectáculo nocturno de videomapping. Destacou que a afluencia superou amplamente as expectativas iniciais, ao punto de que foi necesario habilitar novos grupos de visitas guiadas ante o elevado número de persoas interesadas. “Nas visitas tivemos case catro veces máis asistentes dos previstos inicialmente, o que nos obrigou a reorganizar os grupos para dar resposta”, sinalou.

Ao longo do sábado celebráronse tres charlas informativas sobre os traballos realizados e a presentación dos novos espazos de uso público, así como tres roldas de visitas guiadas polo Xardín Botánico e pola Carballeira, nas que se explicou a súa importancia social, económica, festiva e ambiental para a vila. 

A actividade familiar incluíu unha xincana con busca do tesouro e xogos de trivial relacionados co patrimonio natural do espazo, mentres que a programación cultural se completou coa actuación da Banda de Música de Caldas de Reis no Parque dos Choróns,  na que as cadeiras habilitadas dende o Concello quedaron escasas ante a resposta do público. 

Un dos momentos máis destacados foi o espectáculo nocturno de videomapping, que xerou unha grande expectación e congregou numeroso público. Segundo ou Fariña, o espectáculo audiovisual, de 90 segundos de duración foi unha das principais novidades. “Aínda que ás dez da noite aínda había algo de claridade, ás persoas que o presenciaron chamoulles moito a atención: hai proxeccións no chan e nas copas das árbores, xerando un discurso moi interesante ao tempo que respectuoso coa contorna”, subliñou o nacionalista. 

Xa durante a xornada do domingo, o Concello constatou tamén unha maior afluencia de público no BIC, con moita xente paseando e aproveitando a sinalización con códigos QR, que explican as especies do Botánico, dando información exhaustiva para coñecer máis a contorna. 

Éxito total de visitas na primeira fin de semana trala inauguración do Botánico de Caldas