5-6 DE XUÑO. PAZO DA CULTURA

Pontevedra acolle a XIII edición do Congreso Vet-Noroeste, que reunirá a máis de 250 profesionais da veterinaria

Pontevedra acolle a XIII edición do Congreso Vet-Noroeste, que reunirá a máis de 250 profesionais da veterinaria

Pontevedra, 27 de maio de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou a 13a edición do Congreso Veterinario do Noroeste (Vet-Noroeste), nunha comparecencia na que estivo acompañado por María Magariño Cantero, presidenta do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria de Pontevedra, e Flor Costolla Vázquez, secretaria da mesma entidade.

O evento, que se consolidou como unha cita ineludible no calendario formativo da profesión, celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra os días 5 e 6 de xuño (cun inicio programado para as 9 da mañá), o que fomentará as pernoctacións na cidade xa desde o día anterior.

Na súa intervención, o alcalde destacou a importancia deste encontro, que atraerá a profesionais de toda Galiza, do norte da península e de Portugal, subliñando que axuda á desestacionalización turística ao xerar actividade económica fóra dos meses principais do verán. O Concello colabora activamente co evento cedendo as instalacións para a súa celebración.

As representantes do Colexio detallaron que o congreso reunirá a uns 200 veterinarios e entre 50 e 60 persoas a maiores pertencentes aos 14 patrocinadores comerciais e persoal técnico. O programa inclúe 14 charlas ao público impartidas por sete relatores de prestixio procedentes de lugares como Londres, Málaga, Madrid e Galiza.

Como novidade formativa, o encontro arrancará con talleres previos moi especializados: un sobre cirurxía cutánea reconstrutiva, impartido por Manu Jiménez (especialista europeo con destacada traxectoria internacional), e outro sobre oncoloxía, a cargo de Noemí del Castillo (referente do Hospital Clínico da Universidade Complutense de Madrid). Ademais, de forma paralela ao congreso principal, o sábado celebrarase un congreso específico para auxiliares de veterinaria, que contará con talleres prácticos sobre colocación de sondas e fluídos impartidos por María Temo, especialista en urxencias e coidados intensivos. O congreso clausurarase cunha mesa redonda que debaterá sobre a "veterinaria do futuro”.

Durante a rolda de prensa, as voceiras do colexio puxeron en valor o concepto "One Health" (Unha soa saúde), recordando que a saúde humana, a animal e a ambiental están intimamente conectadas, o que esixe unha formación constante e ao máis alto nivel para os profesionais.

Por último, o evento servíu para constatar o profundo cambio demográfico no sector, xa que das persoas 700 colexiadas que hai actualmente na provincia de Pontevedra, entre o 70% e o 80% son mulleres.

Pontevedra acolle a XIII edición do Congreso Vet-Noroeste, que reunirá a máis de 250 profesionais da veterinaria