ASISTIRÁN MÁIS DE 800 CIENTÍFICAS DE 20 ESTADOS
Pontevedra acolle o maior congreso de ecoloxía ibérica
Pontevedra, 13 de maio de 2025. Pontevedra converterase no punto de encontro da comunidade científica dedicada á ecoloxía coa celebración do terceiro congreso conxunto da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (CBECOL) e da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AET).
O evento, que se desenvolverá do 2 ao 6 de xuño, é o maior que se ten realizado na historia de CBECOL. Aatraerá a máis de 800 científicos inscritos, cifra que pode aumentar até as 1000 persoas, procedentes de 20 estados diferentes. Os asistentes representarán a máis de 100 institucións ou centros de investigación do mundo. A investigación que se fai desde Galicia é punteira a nivel internacional, e este evento subliña a importancia do que se fai.
Conferencias plenarias, máis de 40 sesións temáticas, nas que se presentarán case 450 comunicacións, e a defensa de máis de 250 pósters integran o programa dun evento que reunirá investigadores e investigadoras dos diferentes ámbitos da ecoloxía, procedentes principalmente de diferentes puntos da península ibérica.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, resaltou que a organización “quere levar a actividade científica á sociedade en xeral de Pontevedra, que a cidade viva este congreso como algo público”. “Van facer tamén actividades nas prazas da cidade, incluíndo conferencias e actividades en distintos espazos urbanos”.
Os entes promotores do congreso son a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre e a Sociedade Ibérica de Ecoloxía, que agrupa diversas sociedades de investigación en ecoloxía mariña, terrestre e de augas doces. A organización corre a cargo da Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e o CESIC a través da Misión Biolóxica de Galiza. O evento conta coa colaboración esencial do Concello de Pontevedra.
Ademais de abordar a investigación en ecoloxía terrestre, mariña e de augas doces, o congreso será un espazo para reflexionar sobre o presente e o futuro da ciencia. Debateranse temas como a necesidade dunha ciencia menos centrada na produtividade, máis diversa e que abrace outros saberes. Fomentarase a inclusión de todas as persoas sen limitacións e promoverase a ciencia aberta, accesible a nivel global. Abordarase a situación do negacionismo e a importancia de valorar as institucións públicas que fan investigación. Tamén se poñerá en valor a ciencia como un oficio creativo e a necesidade de democratizar os procesos científicos e abrilos á sociedade.
Desde a organización destacan que esta cita require dun traballo considerable para a súa realización, coa implicación dun comité executivo, a secretaría e máis de 50 colaboradores durante o congreso. Un comité científico con máis de 50 persoas colaborou na selección dos traballos e ponentes. O formato habitual das sesións será de charlas de 15-20 minutos con 10 minutos para preguntas.