Ponteatro achegará ao Principal temas de actualidade da man de 6 compañías galegas e de fóra do país

Demetrio Gómez presentando Ponteatro
Demetrio Gómez presentando Ponteatro
Ponteatro achegará ao Principal temas de actualidade da man de 6 compañías galegas e de fóra do país

Pontevedra, 15 de setembro de 2025. O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou unha nova tempada de Ponteatro que achegará 6 espectáculos do mellor teatro galego e de fóra do país entre o 9 de outubro e o 13 de novembro os xoves ás 21.00 h no Teatro Principal. 

“Ponteatro regresa por fin a Pontevedra para esta nova tempada de outono con 6 obras diferentes, todos os xoves de outubro e dous xoves de novembro. Agardamos coma sempre unha boa resposta do público de Ponteatro, enchendo a sala, o que fai entender que acertamos coa programación. Desta volta traemos 4 espectáculos do mellor da produción galega que se pode traer e tratan temas moi contemporáneos, de actualidade: En ‘Cortello de amor’ abordarase o prezo da vivenda, o alugueiro e a dificultade da xente moza para comezar a súa vida. Con ‘As desterradas’ a través dunha comunidade de monxas do século XVI, a resiliencia das mulleres a súa capacidade para transformar as cousas cando se xuntan. ‘Go home’ tratará tamén un tema de absoluta actualidade: a turistificación das nosas cidades. Pechamos con Talía o 13 de novembro que trae ‘Un deus salvaxe’ que a partir dunha cea de parellas e dun incidente entre os seus fillos, reflexiona sobre a sociedade actual e as relacións. 

“O teatro galego actual está na liña do que para min debe ser o bo teatro e a literatura, a de facernos reflexionar sobre o mundo que temos e xerar moitas preguntas”. 

Ponteatro establecerá un diálogo entre estas obras e algunhas que se produciron fóra das nosas fronteiras. Así, en primeiro lugar o 16 de outubro, representarase con ‘Carmen, nada de nadie’: unha peza de teatro documental de “Teatro Español” e “Tablas y más Tablas”, que fala sobre como a protagonista renunciou aos privilexios de clase e chegou a alcanzar un posto que ningunha muller desempeñara antes neste país: xefa do gabinete da Presidencia do Goberno. O 30 de outubro, Histrión Teatro traerá un dos éxitos desta tempada en todo o Estado, ‘Nevenka’ sobre a valentía desta muller que conseguiu levar ao alcalde de Ponferrada aos tribunais e gañarlle por primeira vez un xuízo por acoso no traballo. 

Unha programación completa para pasar un outono entretido e proveitoso gozando do teatro en Pontevedra. As entradas xa á venda en Ataquilla.com a un prezo xeral de 8€ por espectáculo, 4€ a prezo reducido para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65. Tamén hai 50 abonos a prezo único de 30€ que, se tentará ampliar no caso de esgotarse.

Podes consultar toda a programación aquí

Ponteatro achegará ao Principal temas de actualidade da man de 6 compañías galegas e de fóra do país