PONTEVEDRA, 11 E 12 DE SETEMBRO

O Pont-Up Store activa a súa edición máis ambiciosa para captar o talento emprendedor emerxente

Presentación de Pont-Up Store
Presentación de Pont-Up Store
O Pont-Up Store activa a súa edición máis ambiciosa para captar o talento emprendedor emerxente

Pontevedra, 3 de xuño de 2026. Pontevedra, 3 de xuño de 2026.- A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, participou na presentación da nova edición de Pont-Up Store, que ven de abrir o prazo de inscricións para participar na súa 13ª edición, que converterá novamente Pontevedra no gran escaparate do emprendemento galego os días 11 e 12 de setembro. O encontro busca nesta convocatoria captar algunhas das iniciativas empresariais máis innovadoras e con maior potencial de futuro do país, cunha campaña especialmente enfocada ao talento que está a emerxer máis alá dos grandes polos urbanos e que activa o territorio desde as vilas e o rural galego e cunha cantidade próxima aos 100 millóns de euros dispoñibles para investir nas iniciativas mais punteiras dentro da rolda de financiamento do Pont-Up Venture.
As empresas de nova creación interesadas en participar nesta nova edición do encontro poderán presentar as súas candidaturas ata o 3 de xullo para optar a algunha das tres modalidades de participación: stands gratuítos para dar visibilidade aos proxectos, actividades demostrativas abertas ao público e o Pont-Up Venture, o formato orientado á captación de investimento que regresa reforzado tras a boa acollida das últimas edicións.
O director do encontro, Pedro Figueroa, destacou que “o obxectivo deste ano é visibilizar a enorme capacidade emprendedora que está agromando en toda Galiza, especialmente en ámbitos rurais e pequenas localidades onde están xurdindo proxectos moi innovadores ligados á sostibilidade, á creatividade e ás novas formas de economía”. A edición de 2026 xirará arredor da formación para a optimización de procesos con IA, o desenvolvemento de marca e as novas oportunidades de promoción e comercialización, a promoción do emprendemento liderado por mulleres e as iniciativas directamente relacionadas co próximo Xacobeo. Tamén se programarán actividades ligadas á economía social en colaboración con Espazo Coop con quen a Asociación Pont-Up Store para o emprendemento e a Innvovación compartirá espazo no futuro Centro Internacional da Creatividade ubicado no antigo conservartorio de Pontevedra.
 
100 millóns de euros dispoñibles para investir
Entre as principais apostas desta edición volve destacar o Pont-Up Venture, o formato “talent business” do encontro, que após a positiva experiencia da anterior edición posiciónase como unha plataforma de captación de startups e spin off xestadas ao abeiro da Universidade. Serán un total de oito startups as selecionadas para presentar os seus proxectos ante un xurado composto por profesionais do investimento, venture capital e innovación empresarial que avanza unha cifra próxima aos 100 millóns de euros dispoñibles para investir nos modelos de negocio de maior impacto e menor risco.
Cada iniciativa seleccionada disporá de tres minutos para defender o seu proxecto e outros tres minutos para responder ás preguntas do xurado. Poderán participar emprendementos con base tecnolóxica sólida ou cun marcado carácter innovador, impulsados tanto por persoas emprendedoras como por empresas, asociacións ou colectivos.
O xurado estará integrado por referentes do ecosistema inversor e tecnolóxico como Luis Taboada, CEO de Tales Venture; Carmen Pumariño, directora de investimentos en Zubi Capital; Jorge González, director de participadas en Netaccede; Carolina Rodríguez, conselleira delegada de ENISA; e Alberto Cochón, impulsor de ALO Ventures.


Máis de 40 iniciativas emerxentes reunidas en Pontevedra
O encontro prevé reunir nesta edición máis de 40 proxectos emprendedores procedentes de distintos puntos de Galiza e da península, consolidando a Pontevedra como un dos principais puntos de encontro do ecosistema do emprendemento innovador do noroeste peninsular e o Pont-Up Store como a mellor plataforma para a promocion e lanzamento de novos negocios, a custe cero e coa posibilidade de integrarse na rede de networking que lles oferece a Asociacion Pont-Up Store para o emprendemento e a innovación. As candidaturas poderán presentarse a través da web do evento, www.pontupstore.com, e serán avaliadas en función de criterios como a innovación, a creatividade, o impacto social e económico, a sostibilidade ou o potencial de desenvolvemento futuro.
A organización calcula recibir entre tres e catro candidaturas por praza, unhas 150, e márcase como obxectivos presentar máis proxectos de base tecnóloxica, mostar a diversificacion presente no territorio, manter a porcentaxe de emprendemento liderado por mulleres  (70%) e incrementar ata o 50 %  as inciativas das vilas e o rural.
O Pont-Up Store está organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, integrada por máis de 240 empresas, co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e coa colaboración da Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galiza, Zona Franca, Abanca e outras entidades públicas e privadas que conforman o ecosistema de apoio ao emprendemento do evento.

O Pont-Up Store activa a súa edición máis ambiciosa para captar o talento emprendedor emerxente