O pleno de Soutomaior aproba a nova ordenanza do lixo para facer fronte ao taxazo de Sogama

O pleno de Soutomaior aproba a nova ordenanza do lixo para facer fronte ao taxazo de Sogama

Soutomaior, 5 de novembro de 2024. O pleno de Soutomaior aprobou a nova ordenanza de lixo proposta polo Goberno local, e coa que se pretende facer fronte ao taxazo de Sogama imposto pola Xunta de maneira unilateral e dar cumprimento á normativa europea e estatal do tratamento de residuos. A nova ordenanza, que establece bonificacións para as familias e persoas que leven a cabo boas prácticas de reciclaxe, saíu adiante co voto a favor do Goberno de Soutomaior e o voto en contra do PP. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “co taxazo de Sogama imposto pola Xunta, a veciñanza de Soutomaior paga as consecuencias de que o PP optase no seu día por un modelo de tratamento de residuos altamente contaminante e contrario as directrices que marca a Unión Europea”. A normativa europea, que ten a súa transposición na Lei de residuos do Estado español, establece que a queima de residuos que practica Sogama non pode considerarse un tratamento sostible e polo tanto terá que pagarse sen ningún tipo de subvención ambiental. Esta suba, que se aplicará de maneira retroactiva a partir de xaneiro de 2025, suporá que a veciñanza de Soutomaior terá que pagar unha media de 40 euros nos recibos do lixo. 

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno local habilitará bonificacións ás familias que o precisen e a aquelas persoas que reciclen, pero temos que ter claro que o coidado do medio ambiente e o ecoloxismo debe ser unha tarefa de todos e todas.

Manu Lourenzo sinalou que esta normativa europea que obriga a repercutir nos usuarios o custe do tratamento do lixo entra en vigor en abril de 2025, o que coincide en Soutomaior coa nova concesión do contrato do servizo de recollida do lixo que ata o de agora realizaba a empresa Urbaser. O actual contrato con Urbaser levaba vixente dende hai 20 anos, o prazo rematou e agora hai que sacar unha nova licitación. Por cuestións obvias, os prezos de 2025 van ser superiores aos do ano 2005 e se a isto se lle engade o taxazo de Sogama, estamos ante un incremento exponencial dos custes. 

Bonificacións nos recibos

Manu Lourenzo sinalou que Soutomaior é un concello responsable que vai cumprir a lei, pero “na parte do servizo de recollida, o Concello bonificará as boas prácticas de reciclaxe e non vai repercutir na veciñanza o incremento que supón a nova concesión”. “O problema é que a Xunta sobe o prezo de Sogama e, ao contrario do que fai o goberno de Soutomaior, si o repercute nos concellos. Ese é o incremento do taxazo da Xunta, que si que o van a ter que pagar os veciños e veciñas de Soutomaior”.

Manu Lourenzo lamentou que o PP de Soutomaior, no canto de facer fronte común coa veciñanza do noso concello para intentar evitar o taxazo de Sogama, se posicionase coa Xunta unha vez máis para subir os impostos aos nosos veciños e veciñas. “Fixérono co imposto do PXOM, fixérono co canon da auga e agora estano a facer co taxazo de Sogama, sempre do lado da Xunta e fronte a nosa veciñanza”, concluíu o alcalde de Soutomaior. 

O pleno de Soutomaior aproba a nova ordenanza do lixo para facer fronte ao taxazo de Sogama