HOMENAXE A XAVIER SENÍN E ISABEL SOTO
O Salón do Libro homenaxeará por primeira vez a figura das tradutoras
Pontevedra, 5 de novembro de 2024. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez avanzou novos aspectos relacionados coa XXVI edición do Salón do Libro que terá lugar entre o 21 de marzo e o 6 de abril de 2025. Logo de lembrar que terá como cultura convidada a Francia e o cinema como tema central desvelou que “por primeira vez o Salón non homenaxea a unha persoa escritora ou ilustradora. Por primeira vez temos unha tradutora e un tradutor connosco como persoas convidadas. Eles son Francisco Xavier Senín e Isabel Soto, persoas moi vencelladas literatural infantil e xuvenil e, ademais, á tradución desde o francés. En conxunto son ambos os tradutores durantes o últimos 10 anos de Astérix. Teñen feito un labor moi importante por traer literatura de fóra de Galiza ao galego e ambos son tamén tradutores de Pennac. No caso de Isabel, ademais das obras que traduciu ao galego, queremos destacar que foi quen verteu ao castelán as obras de Agustín Fernández Paz. Consegue con iso darlle moita máis visibilidade á cultura e a literatura do noso país. Estamos orgullosísimas deste homenaxe que imos facer nesta edición”.
Isabel quixo agradecer o recoñecemento “para nós e para o traballo de tradución en Galiza e en galego. En certa maneira temos moitas obras que fixemos xuntos como Astérix ou Mal de escola, e temos moita vinculación co Salón do Libro desde hai moitos anos, xa que viñemos moitas veces a homenaxear a amigos como figuras elixidas pola organización e esta vez tocounos a nós”.
Xavier engadíu ao agradecemento que “é unha moi boa idea que se homenaxee a tradución, xa que abre un camiño a recoñecer o traballo doutros axentes da literatura infantil e xuvenil, que promocionan desde o seu campo a Lix: os libreiros e libreiras, bibliotecarias, responsables de clubes de lectura, o profesorado, etc.”
Ambos quixeron reivindicar a figura da tradutora e reclamaron a “necesidade de políticas públicas lingüísticas e culturais que traballen, porque a pesar do avance, a literatura galega ten moitas ausencias. Hai moita obra da literatura mundial non traducida ao galego por mor da falta de políticas lingüísticas. Apóstase máis por autores novos que polos clásicos” aínda que Isabel apuntaba que tamén era preciso facer unha reflexión como sociedade: “se a xente non merca libros en galego, non fala a lingua, non a transmite, non haberá política que nos salve. É unha reflexión social”
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez afirmou que “temos unha cultura extraordinariamente viva que produce uns produtos de calidade altísima como apuntaba Senín e está claro que esa cultura non está chegando ao pobo galego. En Pontevedra, que somos conscientes diso, tentamos facer moitas veces que a administración funcione de ponte entre o pobo que pode gozar desa cultura e as creadoras e creadores. E temos exemplos de cultura exclusivamente en galego ou prácticamente en galego que teñen un éxito popular extraordinario: o Salón do Libro, o Samaín, Ponteatro, o Galegote, Domingos do Principal, Núbebes, todo o que se queira. A nós encántanos a cultura francesa, pero a cultura francesa non precisa que nós a promocionemos en Pontevedra. Para nós e moito máis importante levar a cultura de Pontevedra e a cultura galega a Francia, tamén por iso os tradutores que verten do noso idioma para fóra. Se as veces os galegos e galegas non gozan dun produto cultural, é porque non o coñecen.”