O Parlamento galego debate este mércores unha proposta do BNG para o traslado das instalacións da Xunta na Xunqueira da Gándara
Pontevedra, 17 de xaneiro de 2022. O próximo mércores día 19, a comisión de medio ambiente e infraestruturas do parlamento galego debate unha proposición non de lei do BNG na que se demanda que a Xunta renuncie á concesión dos terreos de dominio público marítimo terrestre na Xunqueira da Gándara e inicie os trámites para o traslado a outro emprazamento das dúas parcelas que actualmente ten nestes terreos, ocupadas por edificios e equipamentos de conservación de estradas (Axencia Galega de Infraestruturas) e de prevención e extinción de incendios.
Segundo afirmou o deputado autor da iniciativa, Luís Bará, “as administracións deben dar exemplo no relativo ao respecto ao medio ambiente e á recuperación de espazos de dominio público, seguindo o criterio de que non deben estar nesta ubicación as instalacións que poidan trasladarse a outro emprazamento. A Xunta de Galiza, e nomeadamente a consellaría de medio ambiente deben predicar co exemplo, renunciando á ampliación do prazo de concesión e iniciando os trámites para trasladar os equipamentos e infraestruturas que actualmente se ubican na Xunqueira de Lérez”.
O deputado nacionalista Luís Bará considera que a Xunta debe seguir os pasos da Deputación e impulsar a recuperación de máis de 150.000 m2 que forman parte do Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
Cómpre ter en conta que a Xunqueira da Gándara conforma un Espazo Natural de Interese Local con 480.000 m² de extensión, promovido polo concello de Pontevedra e declarado en 2012 pola Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. E que os terreos ocupados polas citadas concesións, unha vez liberados das mesmas, permitirían crear unha gran zona verde arborada de grande interese desde o punto de vista ambiental e con potenciais usos recreativos e de lecer.
171.000 m2 de terreos de dominio público ocupados por diferentes administracións
Parte do ENIL Xunqueira da Gándara está ocupado na actualidade por concesións a organismos do Estado (Costas e Tráfico), Xunta (unha parcela con instalacións de conservación de estradas e outra de servizos de incendios) e Deputación (Parque de Maquinaria e Imprenta Provincial).
Bará considera “aberrante que a estas alturas do século XXI as instalacións da Xunta e do Estado sigan ocupando un espazo natural protexido, cando o lóxico é que se trasladen a un parque empresarial”
Logo de que se puxese en marcha o proceso para liberación dos terreos ocupados pola Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria da Deputación (17.000 m2), tanto a administración central como a Xunta teñen que seguir os pasos e poñer en marcha o traslado das instalacións que ocupan. Segundo Luís Bará, “non é de recibo que a estas alturas do século XXI sigan ocupando terreos de dominio público e unha área natural protexida instalacións que deberían estar ubicadas nun parque empresarial”.