As obras da nova estrada de conexión entre Valbón e o Santo Antoniño entran na súa recta final
O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e de Seguridade viaria, Iván Bello, supervisaron os traballos de execución do proxecto co que o concello está creando unha nova conexión ao lugar de Valbón desde o núcleo de Santo Antoniño. O obxectivo deste proxecto, cun orzamento de máis de 170.000 euros, é o de mellorar a comunicación entre o núcleo do Santo Antoniño con esta parte do concello e coa parroquia de Agudelo.
Fernández Abraldes mostrouse moi satisfeito co desenvolvemento das obras e “moi contento polo que este proxecto suporá para o desenvolvemento e as comunicacións do noso concello”.
Con esta actuación, construirase unha nova estrada desde a rotonda da rúa do Pazo até o entronque co Camiño de Santiago, unha nova vía de comunicación que quedará totalmente urbanizada, con alumeado, con sendas peonís e con dous carrís de circulación.
Esta actuación tamén servirá para conectar o saneamento de augas residuais das vivendas do lugar de Valbón, polo que o concello xa ten adxudicado un novo proxecto para levar o saneamento a todo o lugar de Valbón e darlle saída a través desta nova conexión a través da ponte nova.