Pontevedra promove catro cursos de formación para persoas que buscan novas oportunidades laborais e afastarse do risco de exclusión
Pontevedra, 4 de outubro de 2024. A Casa Azul inicia un novo curso de Formación adaptada e participación social promovido pola concellaría de Benestar Social, co fin de dar resposta ás distintas demandas educativas de persoas en situación de vulnerabilidade que tratan de acceder ou reintegrarse ao mundo laboral, ou mellorar o seu emprego e e co afán compartido de afastarse do risco de exclusión.
O programa inclúe catro percorridos formativos, guiados polo triplo obxectivo de mellorar a formación, abrir unha porta á inserción laboral e promover e mellorar a sociabilidade. Son os seguintes:
ESA, educación adaptada para adultos . Está pensado como un apoio educativo para persoas matriculadas na EPA (escola de adultos) ou que optan ao exame libre de ESO.
Competencias clave 2. Impártese o ensino de catro competencias: Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés. Superar este nivel - equivalente a 2o da ESO, aprox.- abre a portas aos cursos de familias profesionais do SEPE, pero é necesaria unha certificación oficial que se obtén cun exame anual convocado pola Xunta, en Silleda.
Competencias clave 1-B. Neste curso trabállanse as habilidades sociais, a comprensión lectora e a expresión oral.
Competencias clave 1-A . Pensado para persoas que non saben ler e escribir (alfabetización) e persoas que descoñecen o idioma (inmersión lingüística e cultural)
Entre o medio cento de alumnas e alumnos matriculados hai un amplo abano de perfís: persoas que abandonaron os estudos antes de finalizar a ESO, persoas que necesitan adquirir competencias clave que lles abra paso aos cursos das familias profesionais que ofrece o Servizo de Emprego, e persoas que precisan implementar a súa comprensión lectora, expresión oral e habilidades sociais para integrarse no mundo laboral.