O Curso de formación de mestres e mestras composteiros convirtiese en título da Universidade de Vigo

FACULTADE COMPOSTAXE5
FACULTADE COMPOSTAXE
O Curso de formación de mestres e mestras composteiros convirtiese en título da Universidade de Vigo

O curso de formación de mestras e mestres composteiros organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza de compostaxe é xa un título propio da Universidade de Vigo. Así o confirmaron o vicepresidente César Mosquera e o reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato no acto de benvida que se celebrou esta tarde nas instalacións da Cidade Infantil de Príncipe Felipe para os 30 estudantes deste novo ano académico.

De feito, previamente ao acto oficial de inicio do curso os dirixentes asinaron no Pazo provincial o convenio polo que a Universidade de Vigo colabora na organización da formación (cun orzamento que supera os 29.000 euros), será responsable da tutorización, e expedirá os correspondentes diplomas ao alumnado. Segundo explicou Salustiano Mato “por fin nesta edición conseguimos desenvolver os procesos que nos permiten acreditar a formación da ‘Facultade da compostaxe’ como un título propio da Universidade de Vigo”. Trátase dunha titulación, dixo Mato, dentro da categoría de ‘curso de formación’, que outorga unha acreditación universitaria que complementa e matiza tecnicamente outros estudos como poden ser Bioloxía, Química ou Ciencias Ambientais, entre outros. Así mesmo, segundo explicou o reitor, unha vez instaurada xa formalmente a titulación, logo de que remate o actual curso, iniciaranse os trámites para convalidar as dúas edicións anteriores. 

Na edición de 2018 da ‘Facultade da compostaxe’ que acaba de comezar téñense introducido novidades, tanto melloras na parte teórica (con poñentes estranxeiros, estatais e nacionais da UVigo) como na parte práctica, sobre todo porque incorpora unha parte de laboratorio que se vai desenvolver no campus do CUVI , na que o alumnado poderá analizar os procesos de compostaxe. “Esto poderá redondear a formación dos mestres e mestras composteiros”, dixo o reitor, quen agradeceu a iniciativa da Deputación de preparar persoal para poñer a disposición dos concellos na xestión do lixo en xeral e na compostaxe en particular: “O importante nun bo plan de xestión de residuos non son as máquinas nen a obra civil, senón as persoas, que saiban traballar nun lugar determinado coas súas características concretas e aplicar a mellor forma de xestión… Por iso nos gusta o Plan Revitaliza, porque é unha solución de continuidade e potente para a xestión dos residuos”, finalizou.

 

“Sen volta atrás”

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera instou ao alumnado da nova promoción da ‘Facultade da Compostaxe’ a tirar proveito da formación que se lles oferta. “Cando comezamos con este plan no 2015 o noso horizonte era onde estamos agora: afrontar un proceso con moita xente formada para que o plan tivese garantía de continuidade e unha base sólida”, dixo, para engadir que a día de hoxe o modelo de xestión de lixo baseado na economía circular máis avanzado no seu ámbito é o Plan Revitaliza, “do que xa todos somos partícipes e que vos abre máis posibilidades e expectativas das que poidades imaxinar” no ámbito laboral grazas á súa esixencia e intensidade. “Este mundo que se abre no tratamento dos residuos xa non ten volta atrás”, finalizou.

 

O Curso de formación de mestres e mestras composteiros convirtiese en título da Universidade de Vigo