A PLANTILLA INCREMÉNTASE NUN 64 % E ZONIFÍCASE TODA A CIDADE
O novo contrato dos residuos suporá un antes e un despois na limpeza viaria
Pontevedra, xullo 2024. O Concello de Pontevedra vai avanzando na elaboración dos pregos que rexerán a licitación do futuro contrato de xestión de residuos e limpeza viaria. Mentres os servizos xurídicos e económicos municipais realizan as súas últimas consideracións ao complexo expediente que deberá ter o visto bo da Oficina Nacional de Evaluación (ONE), empezan a coñecerse algúns dos detalles dos múltiples ámbitos que abarcará o principal contrato municipal que se achega aos 13 millóns de euros anuais.
Un dos aspectos máis importantes do contrato é a limpeza viaria que suporá un antes e un despois na imaxe da cidade. O novo contrato recolle un tratamento singularizado a cada barrio con distintos tipos de limpeza (varridos, baldeos, xestión das papeleiras...), algo que hoxe en día se asume en precario xa que as prestacións do contrato non contemplan todos os barrios e as zonas excluídas asúmense con zafarranchos de limpeza semanais.
O cambio radical na limpeza viaria é un dos empeños do Goberno Local xa que inflúe moito na imaxe da cidade e na satisfacción da veciñanza. O contrato estima un investimento de máis de catro millóns de euros na limpeza viaria e suporá a creación de 74,1 postos de traballo. Hai que lembrar que na actualidade destínanse a estes labores 48 persoas, é dicir, supón un incremento dun 64% ao respecto do actual cadro de persoal.
As esixencias municipais contemplan distintos tipos de limpeza viaria: varrido manual, varrido mixto, varrido mecánico, baldeo manual, baldeo mixto, baldeo mecánico, fregado de beirarrúas, barridos de mantemento ou de repaso, recollida selectiva da folla, limpeza de pintadas e retirada de carteis, recollida de residuos en puntos de vertedura incontrolados. Ademais a concesión fai unha especial atención ás xeadas, nevadas e demais condicións meteorolóxicas adversas e á limpeza das papeleiras. Tamén inclúe un capítulo de situacións imprevistas e de emerxencia.
O varrido manual está previsto como o tratamento básico da limpeza viaria, que poderá reforzarse e mecanizarse sempre que o espazo viario o permita, xa que non terá que haber vehículos aparcados. A limpeza será na beirarrúa, bordo, calzada e demais elementos que conforman as plataformas dos viarios e espazos públicos onde se poidan acumular os residuos empuxados polo tráfico rodado, espazo entre vehículos aparcados e zonas accesibles baixo estes, pero tamén de prazas, paseos, e en xeral todas as zonas pavimentadas.
Neste traballo serán especialmente sensibles a localización dos contedores e composteiros colectivos, as paradas de autobuses, as entradas e saídas de colexios, os espazos de localización de bancos e mobiliario urbano, e en xeral todas as zonas de acumulación de residuos.
A limpeza viaria tamén supón o baleirado e limpeza exterior das papeleiras, recollida de residuos e a limpeza das reixas, sumidoiros e en xeral calquera elemento de recollida de pluviais, a recollida e depósito no interior dos mesmos dos residuos que se desborden dos contedores ou o seu traslado a outro contedor e a eliminación da vexetación que naza nos pavimentos e demais elementos dentro do espazo público.
Ademais, a persoas traballadora comunicará á empresa calquera anomalía ou problema xeral de limpeza urbana como desbordamento habitual de contedores, presenza de residuos voluminosos, existencia de carteis ou pintadas, rotura de mobiliario urbano de recollida de residuos, e en xeral calquera aspecto que afecte o aseo urbano, e a posterior resolución do incidente.
Esta limpeza farase cunha frecuencia de 1 a 7 días da semana.
O varrido mixto incorpora especificacións do manual, pero efectúase con apoio mecánico e garante, en todo caso, o baleirado de papeleiras e a limpeza da drenaxe do viario, introducindo os residuos en bolsas. A frecuencia tamén será de 1 a 7 días da semana.
O varrido mecánico consiste no traballo en solitario da máquina varredora - aspiradora, previa humectación da superficie-, e contando con dispositivos de filtrado do aire de saída para evitar a produción de po. A frecuencia tamén será de 1 a 7 días da semana.
O baldeo manual consiste en dirixir os residuos aos sumidoiros que deberán ser limpados inmediatamente despois de concluído o baldeo. Tamén se realizará de 1 a 7 días.
O baldeo mixto ten a singularidade, ao respecto do anterior, que a mangueira vai conectada á pértega dun camión cisterna de baldeo. Tamén se realizará de 1 a 7 días.
O baldeo mecánico ou tanxencial consiste na limpeza dun pavimento, mediante a proxección de auga a presión polas embocaduras instaladas nun vehículo cisterna (baldeadora), as cales son dirixidas polo condutor. Os chorros de auga a presión lanzados pola baldeadora, arrastran cara ao bordo as partículas de po e outros restos que están depositados na calzada. Neste caso a frecuencia estipulada é de 1 a 14 veces á semana.
O fregado de beirarrúas farase mediante a acción duns cepillos rotativos con auga e xabón con posterior absorción dos restos líquidos ao paso da máquina para que o pavimento quede practicamente seco. A frecuencia dos fregados terá que ser de 1 a 4 veces a o mes.
Barridos de mantemento ou de repaso é outra fórmula que se incluirá no contrato. Supón manter as características dun varrido manual, coa particularidade de que o varrido debe ser máis minucioso ao tratarse dunha actuación repetida sobre unha superficie xa varrida nas últimas 12 horas. Está pensado para zonas de gran densidade de circulación peonil ou comercial.
Tamén está previsto no contrato a recollida selectiva da folla que se fará de outubro a decembro. Os traballadores dotados de “sopradores” e un condutor que manexa a varredora mecánica de aspiración dirixen as follas cara ás bocas de aspiración das varredoras.
A limpeza de pintadas e retirada de carteis farase empregando os equipos e produtos adecuados para a actuación sobre o soporte no que se atope realizada a pintada, podendo ser necesario incluso o repintado dos paramentos, muros e peches que definen o espazo público. Esta limpeza farase en muros e fachadas ou en elementos do equipamento e mobiliario urbano existente no espazo público.
A recollida de residuos en puntos de vertedura incontrolados inclúe calquera tipoloxía de residuo, incluso os perigosos (como amianto, pneumáticos etc.) e será por conta do contratista todos os trámites, permisos, autorizacións e títulos habilitantes pertinentes, así como o transporte e tratamento posterior dos residuos recolleitos, conforme á normativa de aplicación.
Tamén será a conta da concesionaria a investigación e apoio na tramitación dos expedientes que se incoen para determinar os posibles responsables e recuperar os custos nos que se incorra, sen prexuízo das conformidades e tramitacións que teña que efectuar o Concello de Pontevedra.
Limpeza e accións en caso de xeadas, nevadas demais condicións meteorolóxicas adversas, así como relativos ás condicións que afecten á circulación inclúe realizar tratamentos preventivos en época de xeadas nos que hai que aplicar tratamentos de choque en zonas repetitivas nas que se constata especial risco de accidentes, pero tamén intervención para a limpeza daqueles factores que poidan afectar á circulación rodada e peonil, como presencia de manchas de aceite e outras verteduras ou depósitos en calzada e pavimentos.
A xestión das papeleiras será un punto esencial na nova limpeza viaria. A concesionaria terá que facerse cargo de todas as papeleiras que se atopen nos espazos de uso público, é dicir, encargarase tanto do baleirado e recollida de residuos, como do mantemento e seguimento das devanditas papeleiras: limpeza,
Eliminación de pintadas e adhesivos. Ese seguimento servirá para manter as papeleiras instaladas, como para determinar se será preciso recolocalas ou instalar novas unidades.
Todas as papeleiras danadas e deterioradas (tanto debido ao final da súa vida útil como a accidentes, actos vandálicos, inclemencias meteorolóxicas ou outras causas) deberán repararse ou repoñerse totalmente.
Ao respecto da limpeza viaria, o contrato de xestión de residuos tamén inclúe un capítulo de situacións non previstas e de emerxencia para ás que a concesionaria deberá reservar unha brigada retén multipropósito para cubrir situacións non previstas, fóra da programación, para atender incidentes urxentes ou de emerxencia. Dita brigada deberá estar dispoñible as 24 horas de todos os días do ano.
Zonificación do casco urbano
Un dos capítulos máis novidosos da limpeza viaria é o relativo ás frecuencias destas accións. O Concello zonificou toda a cidade por barrios, dende o Burgo até A Parda, ou de Monte Porreiro a Estribela, pasando por todo o centro e entradas é saídas da cidade.
Elaborou roteiros repetitivos de accións da limpeza viaria nos que inclúe os itinerarios e horarios de traballo de cada un dos equipos involucrados co propósito de lograr unha mellor eficacia na prestación do servizo. Estes roteiros previamente establecidos poderán variar en función das novas circunstancias da cidade como a modificación das contornas (novas edificacións, novas vías urbanizadas, actividades que incidan no uso da vía pública etc.), ritmo de deterioración da limpeza do roteiro polo uso do viario ou espazo público distinto do previsto á hora de establecer o roteiro, ou das circunstancias especiais de cada estación do ano.
Todos os roteiros serán revisados trimestralmente entre empresa e o Concello para avaliar a situación dos roteiros e as posibles modificacións de cara á vindeira tempada. Ademais, están previstas reunións semanais para repasar os incidentes e o estado de limpeza da cidade e acordarase unha lista priorizada de actuacións de limpezas especiais e/o complementarias.
Existe tamén unha parte de sensibilización social na que a concesionaria informará á cidadanía (un número de teléfono, formularios webs, etc) e disporá dunha oficina de xestión e atención ao usuario no centro urbano, a través dos que se recollerán as solicitudes e reclamacións cidadás en canto a incidentes que poidan producirse en relación á limpeza.