A nova Lei de Costas supón a desprotección xeralizada do dominio público marítimo terrestre

A nova Lei de Costas supón a desprotección xeralizada do dominio público marítimo terrestre

 

Pontevedra, 18 de febreiro. Mañá debátese en comisión parlamentaria a nova lei de Costas que pretende a desprotección xeralizada do dominio público marítimo terrestre, tal e como puxeron de manifesto en rolda de prensa o concelleiro de infraestruturas do concello de Pontevedra, César Mosquera e a Portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila.

Xusto cando as tendencias van na dirección de protexer o territorio, neste caso do dominio público marítimo terrestre, a nova Lei vai xusto na dirección contraria, con desafectacción de terreos e prórrogas de 75 nas concesións. De aprobarse -como é previsíbel- esta Lei disparatada, retrotraémonos máis de 100 anos, a principios do século XX, no que se refire á protección do territorio.

Unha lei que alenta a corrupción

A nova Lei de Costas do PP fomenta a corrupción. Nin a lexislación franquista se atrevera a sacar os terreos degradados do domínio público. Así, a partir agora, quen degrade terreos verase beneficiado, ao poder quedarse con eles. Ademais, a ampliación das concesións a 75 anos beneficia a aquelas empresas que, alimentando a corrupción, teñen capacidade de "influir" nas decisións goberno do Estado. Empresas como ENCE ou ELNOSA van ter, ao abeiro desta Lei, vía libre para seguir contaminando a ría.

O Goberno Galego, nin pinta nin corta

Esta Lei insírese ademais na política recentralizadora do Estado. Aínda que a redacción orixinal da Lei non deixaba lugar a dúbidas, para evitar posíbeis interpretacións diferentes, o propio PP presentou unha enmenda pola que o goberno do Estado pode facer caso omiso do informe ambiental dunha autonomía á hora de prorrogar unha concesión en dominio público marítimo terrestre.

Non dá resposta á problemática dos núcleos rurais do litoral 

Esta nova lexislación bota por terra as medidas de protección que contemplaba a Lei de Costas de 1988, aínda que, ao igual que esta, non recoñece as especificidades do noso modelo de asentamento territorial e, polo tanto, non dá resposta ás súas necesidades. Así, con esta Lei seguirán sen solucionarse os problemas dos nucleos rurais consolidados.

Fúrtase o debate no Pleno do Congreso

A pesar da trascendencia desta Lei de desprotexe de forma xeralizada o litoral, e da solicitude unánime de todos os grupos da oposición para que se debatise no Pleno do Congreso, o PP, apoiado na súa maioría absoluta, decidíu que este debate se celebrase unicamente en Comisión.

O BNG presentou unha dúcia de enmendas que buscan dous obxectivos claros:

  • Impedir que se amplien as concesións estatais a industrias contaminantes
  • Dar solución aos núcleos rurais consolidados, propios do asentamento tradicional de Galiza

A nova Lei de Costas supón a desprotección xeralizada do dominio público marítimo terrestre