Noites Abertas regresa con 98 actividades diferentes e 157 sesións até o 28 de marzo

Rolda Noites Abertas2026
Rolda Noites Abertas2026
Noites Abertas regresa con 98 actividades diferentes e 157 sesións até o 28 de marzo

O concelleiro de Xuventude Demetrio Gómez presentou, acompañado de entidades e asociacións que achegan actividades, monitorado e organización, a que será a 27 edición de Noites Abertas, que botou andar o pasado 30 de xaneiro e finalizará o 28 de marzo. 

O edil apuntaba que “con esta rolda que é das máis multitudinarias, presentamos unha edición de Noites Abertas que van abarcar 15 xornadas en 8 espacios diferentes. Serán 8 fins de semana entre o 30 de xaneiro e o 28 de marzo nas que va haber ata 157 sesións de 98 actividades diferentes. Ademais van estar involucradas ata 128 persoas directa ou indirectamente: temos unha coordinadora, un director/directora de actividades, unha promotora de igualdade, unha deseñadora desta campaña fantástica, unha xestora de redes, cinco controladores e 118 monitoras e monitores. 

Haberá actividades de cociña, deportivas, manualidades, artísticas, lúdicas, de todo tipo: desde caligrafía árabe a debuxo con bolígrafo, aromaterapia a xogos coas linguas, teatro, meditación, tenis de mesa, “imos vestirnos de músicas e músicos do K-pop, etc. É imposible resumir o programa ou destacar ningunha actividade porque todas están feitas con moitísimo cariño. Convido á xente a consultar o web noitesabertas.gal e redes sociais”. 

Antes de dar paso a algunhas entidades que levarán a cabo actividades, o edil quixo destacar que Noites Abertas é o programa máis antigo do Concello, que empezou no ano 1999 “sendo algo moi pequeno e hoxe en día é un programa amplo. Ogallá puidese haber en máis sitios, en máis cidades, programas coma este pero algo así só poder ser produto dunha cidade como Pontevedra, do que temos que sentir todos e todas moitísimo orgullo. Este ano temos no programa galegos e galegas, pontevedreses e pontevedresas que naceron en 10 países distintos. 

“Hai xente que naceu en Galiza, Uruguai, Alemaña, Suecia, Bélxica, Exipto, Chile, México, España, Italia, etc. Hai persoas de 3 continentes neste programa, que están aquí porque Pontevedra é unha cidade acolledora. Diso temos que sentir o máximo orgullo cando vemos este programa e cando nos preguntamos porqué noutras cidades non existe isto. Porque Pontevedra dá un exemplo detrás de outro. Vendo como está o mundo, a min isto é o que máis me gusta do programa. Por iso hai tan bo ambiente, por iso a mocidade cando asiste ás actividade non dá ningún problema. Porque esta cidade é quen de producir estas cousas tan bonitas e temos que esforzarnos por conservar un programa como Noites Abertas e que siga funcionando 28 anos máis”. 

Noites Abertas regresa con 98 actividades diferentes e 157 sesións até o 28 de marzo