Nenas e nenos saharauís chegarán un verán máis a Pontevedra desde os campamentos de Tindouf (Arxelia) para gozar dunhas Vacacións en Paz
Pontevedra, 21 de maio de 2026. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías presentou a nova edición do programa Vacacións en Paz, xunto a Maite Isla, representante de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí ( Sogaps), a organización que organiza, desde o ano 1991, o programa de acollemento temporal dos menores, a petición, e coa coordinación do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). Ao carón delas, Abidin Buchalaya, delegado da Fronte Polisaria na Galiza.
Malia que hai xa dez familias pontevedresas comprometidas a acoller a menores saharauís no verán, Gulías e Isla fixeron un chamamento a participar e indicaron que se hai xente interesada en sumarse á iniciativa aínda están a tempo a través da ligazón: https://sogaps.org/gl/acoge/ As inscricións rematan nunha semana.
As familias acolledoras deberán facer unha formación obrigatoria antes de recibir ás crianzas, igual que as familias biolóxicas reciben formación nos campamentos de Tindouf para que coñezan a realidade cultural, social e económica de Galiza
“É mais que lecer, é resistencia e solidariedade. Con estas palabras resumiu a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, un programa que “achega a realidade da loita do pobo saharauí, desprazado do seu territorio natural, ilegalmente ocupado por Marrocos, e pon de manifesto a lateralidade do Estado Español nesta cuestión, ademais de, obviamente, aliviar nos meses de máis calor a vida dos nenos e nenas participantes”.
Maite Isla, presidenta de Sogaps, agradeceu a implicación e colaboración, ano tras ano, do Concello de Pontevedra no desenvolvemento e difusión do programa Vacacións en Paz e as persoas e familias acolledoras a súa sensibilidade e xenerosidade. “A programa non só permite aos nenos e nenas fuxir do calor, senón que lles permite acceder a unha revisión médica (a cargo do Sergas), practicar idiomas (español e galego) e coñecer outra realidade que os vai enriquecer como persoas·.
Pola súa banda, Abidin Buchalaya, aproveitou para reclamar “un día de democracia para o pobo saharauí, para que poda elixir nas urnas o seu destino”. O delegado da Fronte Polisaria na Galiza lembrou que o pobo saharauí leva 50 anos inmerso nun proceso de descolonización inacabado, que o Estado Español no cumpríu nin cumpre as resolucións da ONU que recoñecen o seu dereito de autodeterminación, nin coas obrigas da súa condición de estado colonizador.
Buchalaya deixou tamén claro que “rexeitamos a solución que queren impoñer dunha autonomía, baixo soberanía marroquí, a solución é que nós podamos elixir e o Sáhara será libre e independiente, caia quen caia”.
Gulías, Isla e Buchalaya concordaron á hora de destacar a aprendizaxe que supón para as nenas e nenos saharauís e para as familias acolledoras a convivencia entre dous mundos tan diferentes e afastados que, no entanto, tecen lazos de empatía, amizade e solidariedade que perduran no tempo.