SÁBADO 23 ÁS 19 H. NO TEATRO PRINCIPAL
Nadal Sónico: Pontevedra acolle un festival por todo o alto coa bandas máis mozas da cidade
Pontevedra, 19 de decembro de 2023. Este sábado, 23 de decembro, a partir das 19.00 horas, a música máis emerxente e, en boa medida, a máis moza de Pontevedra, tomará o Teatro Principal no marco do festival Nadal Sónico, unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra.
Trátase dun cita moi especial, na que confluirán bandas e grupos nacidos ou usuarios de programas e servizos municipais como RockLab, Xeración Sónica, o Local de Música ou Memoria de Elefanta. Unha unión que demostrará a forza e as ganas coas que as novas xeracións traballan as súas cancións.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, acompañado de Gonzalo Maceira, coordinador e director do evento, lembrou que «faltaba algunha sorpresa por anunciar» de cara á programación de Nadal «e aquí temos unha moi agradábel». «Teremos as bandas máis novas de Pontevedra sobre o escenario do Principal, demostrando que estas datas tamén son propicias para o rocanrol. Estamos realmente encantados de acoller este evento, e agardamos que sexa unha auténtica festa da música máis emerxente de Pontevedra».
Gómez subliñou o «divertido» que será o evento, amais de «ameno e realmente cun volume poderoso, que é o que nos gusta cando hai guitarras e baterías polo medio». «Queremos convidar a todos os pontevedreses e pontevedresas a esta cita, para que enchan o Principal e gocen da música que vén».
Pola súa banda, Gonzalo Maceira indicou que «xa había tempo que queriamos trazar unha liña de conexión entre as actividades do RockLab, Xeración Sónica ou o Local». Esta será a primeira ocasión na Boa Vila que se xunta unha xeración dan ampla de alumnado de músicos e protomúsicos da cidade. «É un intre perfecto. Imos ter moita variedade, moito rocanrol e moita festa».
A entrada para o evento é de balde até completar o foro.