O BNG denuncia a deficiente cobertura de telefonía móbil en toda a zona sur de Moraña
Marcos Suárez recrimina a pasividade e o desleixo da Xunta e do Concello á hora de buscar solucións a este grave problema que sofre unha parte importante da nosa veciñanza
Moraña, 1 de xullo de 2024. O Bloque Nacionalista Galego denuncia os problemas de cobertura que padecen amplas zonas dos lugares e parroquias situadas ao sur do concello de Moraña, unha situación que está a dificultar gravemente as comunicacións da veciñanza, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial da zona.
Os concelleiros do BNG en Moraña, Marcos Suárez, Mariña Búa e Rubén Monteagudo, van rexistrar diferentes iniciativas co obxectivo de buscar solucións aos problemas de cobertura que desde hai unha semana se están a producir, sen que as operadoras de telefonía dean solucións, a pesares de ter abertas incidencias da situación e das reiteradas chamadas dos usuarios e usuarias.
Se ben é certo que son as diferentes operadoras de telefonía as que deben estabelecer as condicións de mercado e o despregamento das redes e demais medios técnicos para que haxa un servizo axeitado e acorde aos tempos nos que vivimos, onde as redes de telefonía son fundamentais para calquera tipo de xestión administrativa ou de índole laboral e/ou comercial, non é menos certo que as as administracións teñen a obriga de garantir que o servizo chegue a toda a veciñanza. Neste sentido, desde o BNG urximos ás distintas administracións a que se poñan a traballar para conseguir unha solución rápida e eficaz a este grave problema.
O BNG recrimina a pasividade da Xunta e do goberno municipal
Desde o BNG recriminamos a actitude pasiva da Xunta de Galiza ante o deficiente servizo de telefonía móbil pola baixa cobertura que afecta a distintos núcleos de poboación do termo municipal de Moraña, así como a inexistencia de axudas, proxectos e partidas específicas para os casos de dificil cobertura. Pero tamén denunciamos o desleixo absoluto do goberno municipal de Moraña, que se pon de brazos cruzados, renunciando a actuar en vez traballar para tratar de buscar solucións e axudar á veciñanza afectada.