O FORMULACIO DE INSCRICIÓN ABRIRÁSE ÁS 12 H. DO LUNS 8 DE XULLO
A 4ª Semana do Patrimonio Invisíbel permitirá coñecer espazos habitualmente agochados para a veciñanza
Pontevedra, 2 de xullo de 2024. Pontevedra gozará dunha nova edición da Semana do Patrimonio Invisible —a cuarta— este verán. Entre o 11 e o 14 de xullo, será posíbel coñecer espazos un tanto agochados ou ocultos aos ollos da veciñanza, que se articulan a través das rúas, as prazas, os edificios do municipio.
O obxectivo da Semana do Patrimonio Invisible non é outro que abrir as portas de tesouros, habitualmente fechados, e deseñar unha serie de visitas guiadas en pequenos grupos para que as persoas participantes garden na memoria unha experiencia cultural única.
As visitas levan por bandeira dúas premisas: a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais que serán visitados. Así, as prazas para cada quenda de visitas son limitadas, e o proceso de reserva precisa de confirmación mediante correo electrónico por parte da organización a cada visitante.
Para facer as reservas é preciso entrar na páxina web oficial www.patrimonioinvisible.gal e completar o formulario de reservas. Co fin de garantir o acceso á actividade ao maior número de persoas, cada solicitante só poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.
O formulario será habilitado a partir do luns, 8 de xullo, ás 12.00 horas.
Nesta edición visitaranse un total de seis espazos:
• O Pazo de Gandarón
A finais do século XVIII o arcebispo Sebastián Malvar comezou a construír na parroquia de Salcedo a súa residencia familiar. Á importancia arquitectónica do pazo súmaselle a do seu xardín. Dende 1928, o Pazo de Gandarón, é sede da Misión Biolóxica de Galicia, entidade vinculada ao CSIC, na que se realizan labores de investigación e estudos agrícolas e forestais.
• San Bartolomeu
Antes de ser parroquia, esta era a igrexa do Colexio da Compañía de Xesús, que hoxe forma parte do Museo de Pontevedra. Un templo de espírito italiano que conserva un importante legado artístico. Algunhas pezas non están expostas, pero poderemos velas nesta visita especial.
• Os xardíns de Lourizán
Os xardíns de Lourizán, que ocupan unha superficie de 52 hectáreas, conteñen especies dos cinco continentes e foron plantadas ao longo de máis de 130 anos. A contorna do que foi pazo de Montero Ríos está salpicada de pequenas xoias como un pombal, un hórreo, estanques, fontes e escaleiras. De entre todos estes elementos destaca a gran estufa de ferro e cristal.
• San Salvador de Lérez
Sen dúbida, trátase dun dos santuarios de máis sona de toda Galicia. Historia, tradición e devoción mestúranse neste edificio, cuxa fundación remóntase ao século X, momento da fundación do mosteiro. Xa no ano 1661 créase o Colexio de Artes no que estudaron persoeiros tan importantes como Frei Benito Jerónimo Feijóo e Frei Martín Sarmiento.
• O Parador de Pontevedra
A Casa do Barón acolle o primeiro Parador impulsado en Galiza. Foi residencia dos Condes de Maceda na cidade, e leva as súas orixes ao século XVI. Antes de ser hotel, deulle tempo a ser moitas outras cousas: depósito de sal, parque de bombeiros, orfanato, escola e oficina de correos.
• O Teatro Principal
O Teatro Principal, deseñado por Faustino Flores, foi emblema da modernidade, e un dos primeiros espazos de Galiza en proxectar cinema. Aínda que hoxe é visitable cando hai programación cultural, na SPI poderás acceder a lugares reservados e descoñecidos para o público.
Quendas das visitas:
11 de xullo
11.00h - San Bartolomeu
12.00h - Xardíns de Lourizán
13.00h - Parador
18.00h - Pazo de Gandarón
19.00h - Teatro Principal
12 de xullo
11.00h - San Bartolomeu
12.00h - Xardíns de Lourizán
13.00h - Parador
18.00h - Xardíns de Lourizán
19.00h - San Bartolomeu
20.00h - Teatro Principal
13 de xullo
11.00h - San Bartolomeu
12.00h - Pazo de Gandarón
13.00h - Parador
18.00h - Pazo de Gandarón
19.00h - San Salvador de Lérez
20.00h - Teatro Principal
14 de xullo
11.00h - Pazo de Gandarón
12.00h - Parador
13.00h - San Salvador de Lérez
18.00h - San Salvador de Lérez
19.00h - Teatro Principal