Nace "Cerco", un foro cultural e unha Plataforma social en Cerdedo Cotobade
Baixo o paraugas do BNG de Cerdedo-Cotobade bota a andar un proxecto imprescindible para o rural baseado na acción social e a dinamización cultural da vida no municipio
Cerdedo-Cotobade, 26 de agosto de 2020. Baixo o paraugas do BNG de Cerdedo-Cotobade bota a andar un proxecto imprescindible para o rural baseado na acción social e a dinamización cultural da vida no municipio. Unha canle coa que o conxunto das compañeiras nacionalistas pretenden crear sinerxias entre a organización política e o tecido asociativo e veciñal.
Anxo Santomé, responsable local do BNG Cerdedo-Cotobade, expresa “a súa ilusión pola posta en marcha deste novidoso proxecto destacando o intenso traballo de fondo de toda a organización para convertelo nunha ferramenta útil para a nosa veciñanza dándolle continuidade no tempo a través de accións mensuais nos dous territorios municipais con identidade, Cerdedo e Cotobade. O proxecto englóbase no marco dun crecemento de apoios veciñais sostidos no tempo que nos sitúa como a alternativa política, seria e rigurosa, disposta a levar o proxecto nacionalista ao eixo da vida das nosas veciñas”.
CERCO estará representada polo conxunto das compañeiras da equipa do BNG local máis na súa presentación foi Víctor Rivas o encargado de definir polo miúdo o proxecto, dixo: “A equipa de CERCO formámola un grupo de persoas que traballamos en moi diversos eidos, con valores, coñecementos, habelenzas e inquedanzas moi variadas e temos gañas de traballar e partillalas coa veciñanza máis aló de campañas puntuais. Para facer isto creamos CERCO, un foro destinado á realización de actividades e accións sociais e culturais, creando relacións e colaboracións, xerando e impulsando sinerxias entre as veciñas da contorna, levando á rúa a política de base que nos permita unha conexión e complicidade coa xente das parroquias.
Victor Rivas: convidamos a todas as persoas que teñan inquedanzas, que queiran aportar contidos, coñecementos ou ideas a participar con nós
Víctor Rivas debullou o logotipo escollido: “a imaxe escollida é sinxela e concisa, parella ao noso proxecto, coa silueta do noso mapa e primeira sílaba de cada un dos dous concellos usando o azul entre eles representando a auga -sempre presente- e diferenciados en dous tons de verde porque cremos que debemos maner a súa identidade histórica”.
Ademáis, Víctor Rivas aproveitou para “convidar a todas as persoas que teñan inquedanzas, que queiran aportar contidos, coñecementos ou ideas a participar con nós neste proxecto así coma aos concellos veciños que queiran sumar accións e sinerxias para dinamizar a vida do rural”.
Pola súa banda, Antón Mouriz deu conta da presentación da programación prevista para os primieros catros meses de actividade:
11 de setembro - Carballedo
Fiare Banca Etica: ti elixes o destino dos teus cartos
Manuel Adame - Vicecoordinador do GIT Galiza Sur.
FIARE é un banco nas mans da cidadanía organizada, constituído como sociedade cooperativa por accións, que actualmente opera en territorio italiano e español, co obxectivo de fomentar a cooperación e a solidariedade.
09 de outubro - Cerdedo
Identificación de cogomelos: os comestibles e os velenosos básicos que tes que coñecer
Victoriano Castro - Veciño afeccionado a micoloxía
Pequena charla para coñecer e identificar as 5/6 especies comestibles e as 5/6 perigosas máis doadas de atopar no noso monte.
13 de novembro - Carballedo
Concerto económico para avanzarmos no camiño
Joám J. Romero-Porto Durán - Economista e membro da agrupación do BNG en Cerdedo-Cotobade
O sistema de financiamento autonómico derivado da Lei 22/2009 coñecida como LOFCA, actualmente en vigor, é lesivo para Galiza. O concerto económico, acordo bilateral entre Galiza e o estado na que asumiriamos a recadación tributaria total no noso territorio para financiar as nosas competencias e transfeririamos ao estado unha parte ou cupo para soster os gastos destinados a Galiza correspondentes ás competencias exclusivas do estado, facilitaria a provisión dun nível maior de servizos públicos e afortalaria o noso estado do ben-estar.
11 de decembro - Cerdedo
Realidade e futuro da música e o baile tradicional en Cerdedo-Cotobade
Abrentes de Cerdedo, Afoutes do Cañon de Pau, Foula, Pandereteiras do Val de Quireza, Trazantes de Tenorio e a Asociación de Gateiros Galegos.
Cal é a realidade actual das agrupacións tradicioáis? Cal é o seu futuro? Cal é o horizonte da música e o baile tradicional galego? Ca moderación da Asociación de Gaiteiros Galegos faremos un pequeno debate cas agrupacións do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Ernesto Filgueira. "Traballaremos arreo para transformar a vida do rural de Cerdedo-Cotobade
Finalmente, pechou a presentación de CERCO o portavoz municipal Ernesto Filgueira declarou o seu “total apoio a toda a acción social e cultural que se vaia a desenvolver destacando o seu máximo interese en traballar arreo para transformar a vida do rural de Cerdedo-Cotobade”. Filgueira manifestou o seu compromiso de ir artellando as accións precisas que permitan cumprir co programa electoral co se presentou ás últimas eleccións municipais, tales coma as que impulsen a vertebración cultural das parroquias e que contribúan a xerar ilusión pola vida no rural, medidas que enchan de vida as parroquias. E este é o camiño, CERCO”.